Estudan que os cambios na circulación aplicados no contorno da Barca sexan definitivos
Por Alejandro Espiño
O primeiro día do peche do carril de saída cara a Poio na Ponte da Barca foi tan positivo, segundo o goberno municipal, que non se descarta a posibilidade de que os cambios de circulación aplicados en toda esa zona pasen a ser definitivos. Así o recoñeceu este mércores o concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera. "Temos dous meses para tomar esa decisión", explicou, o tempo que se calcula que duren as obras na Barca.
Segundo César Mosquera, o eixe formado por Alameda, Echegaray, Jofre de Tenorio e Alfonso XIII é unha das zonas "máis castigadas" polo tráfico na cidade, algo que supón un perigo para a seguridade vial das "miles" de persoas que viven nese barrio e aqueles que se achegan aos equipamentos que hai nel: o centro de saúde de Virxe Peregrina, os colexios Froebel e Doroteas, a Facultade de Belas Artes ou a Biblioteca municipal.
A iso súmase os problemas de conexión peonil que existe entre A Caeira e O Burgo e, en xeral, entre Pontevedra e Poio pola Barca. Por iso é polo que, en función de como resulte este corte provisional, estudarase manter esta nova reordenación do tráfico que, a grandes liñas, supón impedir o acceso á Ponte da Barca desde Alfonso XIII e Echegaray, que xunto con Alameda e Jofre de Tenorio quedarían reservadas para residentes e servizos.
En todo caso non se descartan "reaxustes" neste operativo nos próximos días. Tras detectar "problemas esperados" na rúa da Barca, Jofre de Tenorio e Domingo Fontán, a Policía Local trata de determinar onde estará o "punto de carga" cara ao que se dirixirá ese fluxo de vehículos, que podería obrigar a ampliar o dispositivo especial de tráfico. Saberase, aproximadamente, "en dúas ou tres semanas", dixo Mosquera.
A reordenación de tráfico desta zona obrigado polas obras do abastecemento de auga na Barca funcionou, sinalou o concelleiro nacionalista, "mellor do previsto". Iso reafirma a aposta do goberno municipal por limitar A Barca ao tráfico que procede de Poio. Mosquera recordou que esta proposta xa foi plantexada desde hai tempo, por primeira vez en 1997, polos dous concellos, ao que a Xunta "sempre se negou".
Ante a ausencia de "puntos de encontro" co goberno galego sobre a Ponte da Barca, o Concello pretende asumir a responsabilidade destes cambios, xa que a Policía Local "xa tiña toda a información de festas, eventos deportivos e informes previos" de que esta reordenación serviría para aliviar o tráfico na zona, polo que insistiu en que, respecto dun cambio definitivo, "estamos radicalmente convencidos de que funcionaría".
Relacionadas:
-
Mosquera resta importancia ás críticas pola Barca: "o operativo está funcionando razoablemente ben"
Por Natalia Puga |
-
Anova critica a "improvisación" dos cortes na Barca e pide diálogo con veciños e comerciantes
Por Redacción |
-
Os comerciantes de Echegaray recollerán firmas para esixir a reapertura da Barca
Por Oskar Viéitez |
-
O alcalde de Poio rexeita o corte de tráfico na ponte da Barca imposto "unilateralmente" por Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Paso adiante para regular os crematorios entre críticas do PP aos "engaños" do goberno municipal
Por Alejandro Espiño |
-
O PP esixe a apertura "inmediata" ao tráfico de saída na ponte da Barca
Por Redacción |
-
Estrea sen grandes complicacións no corte de tráfico da Barca
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Mosquera acusa á Xunta de buscar intencionadamente un maior atasco na Ponte da Barca
Por Alejandro Espiño |
-
A partir do martes 22 e durante 2 meses, a Ponte da Barca será só de entrada por obras en Poio
Por Redacción |