Posta a punto para o campo de fútbol da Ran, en Cuntis
Por Redacción
O Concello de Cuntis aproveitou estes últimos días o bo tempo para acometer obras de mellora e mantemento no campo municipal de fútbol da Ran.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, puxeron en marcha unha serie de traballos para mellorar o estado das instalacións e minimizar a acción que ten sobre a herba artificial o uso intensivo durante todo o ano e o paso do tempo.
Os operarios traballan con maquinaria específica para encher de caucho e area a superficie co obxectivo de que despois poidan proceder ao seu cepillado compensando os recheos en todo o campo.
Tamén está prevista unha revisión completa das redes, porterías, bancos, reixas ou canaletas e tamén no material deportivo.
A concelleira Conchy Campos destacou a aposta do Goberno pola conservación das instalacións deportivas para garantir unha oferta ampla a toda a poboación.