BNG e veciñanza concéntranse para pedir melloras na N-541 en Calvelo
Por Redacción
A estrada N-541 ao seu paso por Calvelo, en Cerdedo-Cotobade, acolleu este sábado unha concentración para demandar melloras na accesibilidade e a seguridade viaria. Contou coa presenza dun grupo de veciños e representantes do BNG, entre eles, o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego; o voceiro municipal, Ernesto Filgueira; e militantes da organización.
Néstor Rego aproveitou a súa participación na concentración veciñal para anunciar que rexistrou no Congreso unha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado para levar a cabo unha actuación ante a falta de seguridade para viandantes e a carencia de sinalización e iluminación, entre outras.
Antes da concentración, Néstor Rego e Ernesto Filgueira mantiveron unha xuntanza coa veciñanza na que deron conta das iniciativas rexistradas a nivel municipal e estatal.
Ao remate da mesma, Néstor Rego engadiu que é preciso consignar unha dotación orzamentaria para esta actuación porque a falta de seguranza para os viandantes e a carencia de sinalización e iluminación poñen en risco aos peóns e vehículos.
Rego urxe realizar melloras neste tramo, entre elas, a construción dunha rotonda en Ventoxo, incorporar carrís de cruzamento e a incorporación nas interseccións, así como a mellora do pintado horizontal, invisible en días de choiva.
Na emenda presentada ao Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado tamén demanda a construción dun paso elevado que permita a comunicación para os peóns dos dous lados de Calvelo e a creación dun carril de incorporación dirección Ourense á altura do café Obelix.
Os nacionalistas tamén piden ao Goberno do Estado que constrúa unha plataforma peonil paralela á estrada que garanta o acceso seguro de Calvelo ata Tenorio.
Relacionadas:
-
O BNG presenta as súas emendas ás orzamentos xerais coas que "sairía gañando toda a cidadanía da comarca"
Por Redacción |
-
Jorge Cubela presenta en Madrid as reivindicacións de mellora da seguridade vial na N-541
Por Redacción |
-
O BNG leva ao Congreso a seguridade da N-541 en Calvelo
Por Redacción |
-
Desencontro entre BNG e PP ao negarse os populares a nomear persoa non grata a Escotet en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
O PSOE de Cerdedo-Cotobade pide un acceso alternativo ao área recreativa de Calvelo
Por Redacción |