Un novo positivo nunha xornada na que a área sanitaria volve baixar dos 50 casos activos
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este domingo menos de 50 caso activos de covid-19. Son, en concreto, 49, tres menos que o día anterior, tras unha xornada na que tan só se detectou un novo positivo e catro pacientes recibiron o alta por superar a enfermidade.
Segundo o último balance oficial do Servizo Galego de Saúde, este domingo 24 de outubro tan só hai un paciente ingresado nos hospitais da área sanitaria. Trátase dunha persoa que está na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo. No resto de centros hospitais non hai pacientes con covid-19 e tampouco en planta de hospitalización de Montecelo.
Por tanto, do total de 49 casos activos, 48 atópanse en illamento no seu domicilio con síntomas leves ou asintomáticos.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 21.239 pacientes e faleceron por este virus na área sanitaria 205.
O novo positivo detectouse nunha xornada na que se realizaron 183 probas PCR. Ata o de agora realizáronse na área sanitaria 306.982, ademais de 147.626 test de antígenos e outras 109.847 probas de detección da enfermidade.
EVOLUCIÓN EN GALICIA
A nivel autonómico, este domingo, con datos das seis da tarde do sábado, hai 415 casos activos de covid-19, dúas máis que o día anterior, tras confirmarse 34 novos positivos nunha xornada.
Nos hospitais galegos a situación vai mellorando, cun paciente ingresado menos. Hai en total 25, 18 en planta e sete en UCI.
Por áreas sanitarias, Lugo, Ourense e Pontevedra teñen menos casos que o día anterior, pero no resto de Galicia soben.
Na Coruña hai 134, tres máis que o sábado, tras confirmarse 15 novos casos. En Santiago son 76, seis máis, tras 11 novos positivos. En Ferrol son 24, catro máis e o mesmo número de novos casos nunha xornada. En Vigo contabilízanse 64, dous máis, despois dunha xornada cun novo positivo.
En Lugo son 27, un menos, tras confirmarse tres casos. En Ourense o número total son 41, dous menos que o sábado, tras confirmar un positivos..
Ata o de agora faleceron en Galicia 2.649 persoas con covid-19. Na última semana rexistráronse tres novas vítimas mortais, ningunha nas últimas 24 horas.