A subida do prezo da luz e outras mercadorías obriga á hostalería da cidade a revisar os seus prezos
Por Manu Otero
O prezo da luz leva semanas á alza e batendo récords día tras día. Os efectos comezan xa a notarse nas facturas, non só nas dos fogares; tamén nas das empresas. Unha situación que obrigará a moitos negocios, especialmente aos hostaleiros, a revisar as súas tarifas. "As subidas de luz, refrescos, gas, aceite... fan inevitable repercutilo ao consumidor. É unha realidade que non podo controlar, pero teño que asumila. Gústame? Non", resume Carlos Fontán, da cervexaría o Bruc.
Nos últimos meses os gastos neste tipo de locais disparáronse. O prezo do megavatio por hora é o principal responsable, pero non o único. "A luz subiunos unha animalada. A última factura foi de 1.200 euros, cando adoitabamos pagar 700", destaca Marta González, responsable da sociedade propietaria da Gramola e Pintxo Viño. Non é a única que leva tempo facendo números para poder soportar esta tempestade eléctrica. "Nós abrimos hai pouco, pero nese tempo a luz xa nos subiu un 30 ou 40 %", resalta Arón Álvarez, chef e propietario do Maristas da praza da Verdura.
"Nunha cociña hai unha chea de aparellos eléctricos. As neveiras e conxeladores están acendidas aínda que esteamos pechados e o forno ou a campá están funcionndo durante todo o servizo", ilustra o cociñeiro. E os efectos desta escalada de prezos non se cinguen só á factura da luz. Os provedores deste sector, como é o caso das panaderías, tamén ven incrementados os seus custos de produción, aumentan o prezo de venda e contribúen a elevar aínda máis o desembolso dos hostaleiros que levan meses vendo como as súas marxes de beneficio son cada vez máis estreitos.
"Os prezos que temos agora non son sostibles. Pero tíranos para atrás subilos porque tamén sabemos os soldos que ten a xente. É a carioca que se morde a cola e non queremos que pensen que o facemos porque queremos gañar máis", lamenta Marta. "Nós imos tentar manter os prezos, pero se nos vemos coa auga ao pescozo teremos que tomar medidas", confesa tamén Arón.
Ademais, esta situación prodúcese nun contexto de endebedamento de moitas empresas, que aínda están a facer fronte aos préstamos ICO ou aos Ertes solicitados tras o estalido da pandemia.
E para agravar aínda máis o panorama, está a xestarse unha grave crise global de abastecemento de materias primas e do transporte. Nas vitrinas dos hostaleiros da cidade xa é imposible atopar botellas de dúas coñecidas marcas de xenebra procedentes do Reino Unido. A causa está no Brexit, a falta de transportistas, o encarecemento do sistema de transporte e o incendio nunha fábrica de vidro que producía botellas para estas marcas. As consecuenciuas son a rotura de stock en case toda España e a venda "a prezo de ouro" das poucas botellas que quedan nos almacéns dos distribuidores.
Non só o prezo dos destilados está a dispararse. As distribuidoras de refrescos xa actualizaron á alza os seus prezos e espérase que no principio do ano, a principal marca de cervexa de Galicia faga o propio. Ademais, co inverno os hostaleiros deben engadir outro gasto á súa folla de Excel: a adquisición de estufas e bombonas de butano para facer acolledoras as súas terrazas para pesar do frío invernal.
Desta repentina suba de prezos percatáronse nun local de recente apertura como é o Chester. "Nós levabamos un ano e medio fóra da hostalería e démonos conta de que nese tempo subiron os prezos de moitas cousas. E os provedores transmítennos que a curto prazo van seguir subindo", detalla César Sánchez, quen comparte o mesmo discurso que o resto dos seus compañeiros de profesión: "O normal é que vexamos unha subida non só nos prezos da hostalería tamén nos prezos da cesta da compra", remata.
Un cóctel terrorífico que deixará tremendo os castigados petos dos clientes, que tamén terán que afrontar a subida do gasto corrente dos seus fogares.
Relacionadas:
-
Habilitan axudas para mellora e dotación de equipamentos poscovid no sector turístico e da hostalería
Por Oskar Viéitez |
-
Entran en vigor as medidas de capacidade e horarios decretadas pola Xunta cara á "nova normalidade"
Por Redacción |
-
Galicia recupera os aforos ao 100% e amplía os horarios da hostalería
Por Oskar Viéitez |
-
A falta de microchips baleira os concesionarios e obriga aos clientes a esperar ata sete meses polo seu coche novo
Por Manu Otero |