A Garda Civil intervén máis dun milleiro de paquetes de tabaco de contrabando na peaxe de Vilaboa
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil incautouse dunha partida de algo máis dun milleiro de paquetes de tabaco de contrabando nun control de vehículos á altura da peaxe de Vilaboa.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos sucederon a pasada fin de semana no transcurso dun control selectivo dos vehículos que circulaban pola autoestrada AP-9, no que participaron efectivos da Patrulla Fiscal e Fronteiras de Marín.
Nun dos vehículos inspeccionados, que ía conducido por un veciño de Moaña, a Garda Civil atopou unha partida de tabaco que circulaba ilegalmente sen as preceptivas precintas fiscais.
Ao inspeccionar o vehículo procedeuse á aprehensión dun total de 1.180 paquetes de tabaco de diferentes marcas, que carecían deste requisito fiscal, valoradas no mercado en algo máis de 5.700 euros.
O tabaco intervido depositouse no ao almacén provincial de Tabacalera S.A., e o condutor e propietario do vehículo foi denunciado por vía administrativa ante a Administración de Aduanas e Impostos Especiais de Pontevedra, como presunto autor dunha infracción de contrabando.