Os hostaleiros de Pontevedra pagarán un 36% menos polas súas terrazas
Por Alejandro Espiño
Ata un 36,37% reducirá o Concello de Pontevedra a taxa que terán que pagar os hostaleiros da cidade polas terrazas que teñen instaladas nos seus locais.
Trátase dunha cifra lixeiramente superior á de 2020, cando a redución foi do 30,91%, segundo explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.
A taxa abrangue o período dende o 4 de novembro de 2020 ata finais do mes de setembro de 2021. Será unha redución proporcional baseada nas ocupacións autorizadas pola Xunta de Galicia durante este período, como consecuencia das restricións pola pandemia.
O prazo de pago voluntario comeza este 25 de outubro e rematará o vindeiro 27 de decembro. A domiciliación de recibos será o 29 de novembro.
O Concello prevé emitir uns 300 recibos, que suporán unha recadación duns 130.000 euros.
Ademais, Gulías explicou que, ante as circunstancias actuais nos que xa non hai restricións pola covid-19, o Concello irá retomando sucesivamente a situación anterior á pandemia, polo que os locais non poderán colocar máis mesas e cadeiras das que teñan autorizadas.
Vaise a incrementar os labores de vixilancia para comprobar o axeitado cumprimento da normativa, devolvendo parte deste espazo para o paso dos cidadáns.