Pontevedra abandona a fundación que xestiona o campo de golf de Meis
Por Alejandro Espiño
Pontevedra renuncia a seguir sendo membro da Fundación Montecastrove, responsable do campo de golf de Meis. A decisión tomouse este luns na xuntanza semanal do goberno municipal, que acordou iniciar os trámites para a súa saída deste organismo.
A portavoz do goberno, Anabel Gulías, sinalou que é unha "renuncia formal" no sentido estrito, pois nos últimos anos, o Concello apenas tivo presencia dentro da fundación.
A relación entre a institución local e a fundación iniciouse en 1997. Daquela, o Concello fixo unha única aportación de máis de 3 millóns de pesetas.
Pero Pontevedra apenas ten participación activa nos órganos de goberno e, por ser o concello de maior poboación neste órgano, tiña a obriga de subministrar toda a información de carácter económico e financeiro da fundación ao Ministerio de Economía e Facenda.
"Isto non quere dicir que rompamos relacións coa fundación", dixo Gulías, que apuntou que hai moitos socios e socias de Pontevedra que gozan destas instalacións "e sempre será positivo que exista un equipamento destas características preto da nosa cidade".
Así, se ben a nivel formal o Concello deixará de formar parte da fundación, afirman que tentarán seguir colaborando na medida do posible coa entidade e non pecha a porta a colaboracións futuras a través de convenios para actividades.
OUTROS ASUNTOS DA XUNTA DE GOBERNO
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno acordou solicitar unha subvención de 282.525 euros á Xunta de Galicia para a contratación de tres traballadores sociais dentro do plan de inclusión social; e renovou o convenio de 2.240 euros coa Asociación Galega de Adopción e Acollemento 'Manaia' para o financiamento do programa de actividades no municipio.