Acusan un veciño da Illa de tentar matar a un amigo para ocultar unha relación sexual que mantivo con el
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia de Pontevedra deixou visto para sentenza un xuízo contra un veciño da Illa de Arousa, acusado de tentar matar a un amigo para ocultar unha relación sexual que mantivo con el. Así o asegurou a acusación particular que, do mesmo xeito que a Fiscalía, solicita que sexa condenado a 11 anos de cárcere. A defensa pide a libre absolución.
O acusado, N.L.P., de 24 anos de idade, negou os feitos que se lle imputan aínda que recoñeceu que, durante a madrugada do día 8 de marzo de 2020, coincidiu coa vítima no pub "Na Lúa" da localidade arousá e que o levou no seu vehículo ata o edificio de usos náuticos e que ambos subiron ao alto da construción situada en O Bao.
A partir deste punto difiren os relatos do acusado e da vítima.
Contestando unicamente as preguntas do seu avogado, o procesado explicou que cando estaban no alto do edificio o seu amigo propúxolle manter relacións sexuais ao que el negouse, abandonando o lugar.
Pola súa banda a vítima afirmou que o acusado lle pediu que se quitase o bolso-bandoleira e aproveitando que se atopaba case de costas agarrouno da cintura e dunha perna, alzouno no aire e lanzouno ao baleiro desde unha altura de oito metros, impactando a vítima contra o chan de formigón. "Foi dar a volta e xa me enganchou e botoume", declarou a vítima.
O mozo acusado é moito máis alto e corpulento que a vítima, de profesión mariscador a pé, e que tiña recoñecido un grao de discapacidade, física e psíquica, do 34% desde 2001 con carácter definitivo.
Co forte impacto contra o chan o agredido perdeu o coñecemento, pasaron varias horas ata que foi rescatado por un veciño que avisou aos servizos de emerxencia. Cando subía á ambulancia só acertou a dicir "caín, caín".
Ao día seguinte, cando estaba ingresado na Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Montecelo, os seus familiares lle sonsacaron o que ocorrera e foi entón cando desvelou a identidade da persoa que lle tiraba ao baleiro. Sufriu politraumatismo torácico, abdominal, pélvico e nas extremidades e quedáronlle diferentes secuelas e cicatrices.
Durante a vista oral a vítima explicou que quedara co acusado en tres ocasiones e nunha delas mantiveran relacións sexuais sendo advertido polo seu amigo de que non llo dixese a ninguén.
A Fiscalía sostén que, despois de tirar ao seu amigo, o procesado colleu o bolso da vítima e levou o seu móbil, unhas chaves e diversa documentación. No camiño de regreso ao seu domicilio, o procesado desfíxose das devanditas pertenzas, as cales, a excepción do teléfono móbil, foron achadas ao día seguinte por unha mariscadora na Abilleira.
Ademais da declaración da vítima, como probas indiciarias apuntouse á aplicación "Health" do teléfono IPHONE do acusado que marca os 2.329 pasos que este mozo deu a esa hora da noite e que resultan compatibles cun desprazamento a pé ata a praia onde se atoparon os obxectos persoais de regreso ao seu domicilio.
Na súa primeira declaración ante a Garda Civil o acusado contou voluntariamente que aquela noite cando estaban no edificio de usos náuticos sufriron un atraco "dous tipos e unha tipa sacáronnos un coitelo. Case nos matan. Case nos linchan" pero non presentou denuncia por eses feitos e tampouco fixo referencia a eles durante a vista oral.
O letrado da acusación particular apuntou que o motivo do ataque por parte do acusado era que "tiene novia, tiene amigos y le daba pavor que se conociera su relación" coa víctima. Este avogado tamén destacou que o procesado "intentó borrar pruebas" eliminando do rexistro do seu teléfono as conversacións e chamadas mantidas coa vítima.
A Fiscalía considera que os feitos son constitutivos dun delito de asasinato en grao de tentativa, polo que piden para o acusado unha pena de 11 anos de prisión. No seu informe final, o representante do Ministerio Público referiuse ao testemuño da vítima como "coherente y persistente" e dálle credibilidade ao seu relato dos feitos fronte á versión "errática" do acusado.
Ademais da pena de cárcere, a Fiscalía solicita que o procesado non poida comunicarse coa vítima ou aproximarse a el nun radio non inferior a 150 metros por un prazo de 10 anos superior á pena de prisión imposta. Tamén interesa que se lle impoña ao procesado a liberdade vixiada por tempo de 10 anos que se determinará e executará con posterioridade ao cumprimento da pena privativa de liberdade imposta.
O Ministerio Público pide ademais que o acusado indemnice á vítima con 130.847 euros, derivados dos múltiples prexuízos ocasionados, ao que suman 26.169 euros por tratarse de delito doloso -o 20% a maiores da cantidade estipulada-.
Facendo uso do seu dereito á última palabra, o acusado dirixiuse ao tribunal para dicir que "yo no fui el autor de los hechos que se me imputan. Nada más".