Fan 'limpeza' nos arquivos xudiciais de Pontevedra
Por Redacción
A Xunta de Galicia catalogou preto dun millón de expedientes xudiciais para o seu expurgo, dentro do plan para a organización da documentación que se conservan nos arquivos xudiciais galegos.
En concreto, remitiranse á xunta de expurgación de documentación xudicial 988.641 expedientes, dos cales o 85% (823.243) corresponden a xulgados situados na provincia de Pontevedra, segundo informa o goberno galego.
Para realizar este traballo de expurgo, a Xunta dotou de persoal técnico aos catro arquivos territoriais e elaborou unha aplicación informática para a xestión do ciclo de vida dos documentos e expedientes xudiciais e o control das pezas de convicción existentes.
Con iso conseguiuse eliminar cen toneladas de pezas de proba, o que permitiu liberar espazo nas sedes xudiciais de toda Galicia e organizar a documentación restante para que quede mellor ordenada e sexa máis accesible para a súa xestión diaria.
Máis de 1,2 millóns de expedientes, que equivalen a dez quilómetros lineais de papel, foron transferidos á xunta de expurgación xudicial e aos arquivos históricos provinciais.
Entre eles había mesmo expedientes históricos de relevancia, como un expediente do proceso ao que fora presidente do Goberno de España na segunda República, Santiago Casares Quiroga.