Alumnado do Toural de Vilaboa protagoniza un vídeo sobre acoso que chegará a colexios de toda España
Por María José Pita
A Comandancia da Garda Civil en Pontevedra foi o escenario no que se presentou este martes o vídeo que se difundirá nas charlas que se imparten por gardas civís formadores do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas.
A curtametraxe foi gravada no Colexio Público Integrado O Toural de Vilaboa, coa participación de alumnos e profesores do centro. Unha ampla representación de todos eles asistiu a esta primeira proxección na compaña do actor David Amor, que interpreta o papel do pai dun adolescente que sofre acoso e malos tratos por parte dos seus compañeiros de colexio. O artista residente en Pontevedra participou desinteresadamente nesta peza audiovisual, do mesmo xeito que Xosé Antonio Touriñán e a actriz Cristina Maró.
No acto, ademais dos participantes no vídeo producido, tamén de modo desinteresado, por Besando el Sapo, participaron o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o xeneral xefe de Zona en Galicia da Garda Civil, Luís Francisco Rodríguez; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Simón Venzal; e o deputado provincial Santos Héctor.
O delegado do Goberno en Galicia destacaba a importancia de que as charlas sobre acoso escolar e este vídeo cheguen aos colexios ante as preocupantes cifras que indican que o 44% dos estudantes de entre 7 e 14 anos foi vítima de acoso.
Tamén indicou que máis de 300 centros educativos galegos xa solicitaron participar este curso no Plan Director para a Mellora da Convivencia e a Seguridade dos Centros Educativos e as súas Contornas.
"Quero anunciarlles que esta película que hoxe presentamos aquí en Pontevedra incorpórase ao Plan Director nos centros escolares de Galicia e tamén en todos aqueles colexios e institutos de España que queiran participar no mesmo. Facémolo así pola súa calidade e pola mensaxe clara e contundente que envía á sociedade", explicou Miñones tras ver o vídeo.
O delegado do Goberno apuntaba a alta taxa de participación por parte dos escolares galegos nestas charlas e actividades de concienciación. En 2019 foron 4.000 actividades en 1.100 centros educativos galegos, o 80% do total, nas que participaron 133.000 membros da comunidade educativa, principalmente alumnado, pero tamén profesorado e familias. A Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 14.500 vixilancias nos centros escolares.
José Miñones lembrou ademais que o bo uso as novas tecnoloxías é a temática máis habitual das actividades, seguida polo acoso escolar e a violencia de xénero. Outros temas habituais son o consumo de drogas ou alcol ou as bandas xuvenís.
Relacionadas:
-
Formación sobre o uso seguro das novas tecnoloxías, principal demanda dos centros educativos para previr a delincuencia
Por Redacción |
-
De camiño a Romanía: O alumnado do Toural volve ir de Erasmus
Por Redacción |
-
Un de cada tres casos de acoso escolar xa é a través das redes
Por Redacción |
-
As charlas do Plan Director da Garda Civil chegaron este curso a máis de 21.000 persoas
Por Redacción |
-
Os alumnos do Toural de Vilaboa gravan unha curta sobre o acoso escolar con Touriñán e David Amor
Por Redacción |