Habilitan axudas para mellora e dotación de equipamentos poscovid no sector turístico e da hostalería
Por Oskar Viéitez
A Axencia Turismo de Galicia vén de habilitar unha liña de axudas dotada con 6 millóns de euros para mellora e dotación de equipamentos poscovid no sector turístico e da hostalería co obxectivo de "seguir colaborando na modernización das súas instalacións e na consecución da maior seguridade sanitaria".
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta nova convocatoria do Goberno galego nunha visita ao restaurante D´Berto, en O Grove, que se beneficiou dunha achega na anterior convocatoria para a instalación de paneis solares fotovoltaicos.
"Sabemos que son inxeccións moi importantes para superar o impacto da pandemia e para seguir incrementando os estándares de calidade dun ramo económico fundamental", manifestou o representante autonómico.
A liña de axudas da Xunta para a dotación de equipamentos poscovid, publicada no DOG do pasado 6 de outubro, ten aberto o seu prazo de solicitude ata o vindeiro 8 de novembro e está orientada a micropemes e pemes do sector da hostalería, como hoteis, hostais, casas rurais ou outro tipo de aloxamentos e bares, restaurantes e cafeterías.
Os beneficiarios poderán recibir achegas de ata o 90% do seu investimento cunha contía máxima de 50.000 euros e as actuacións deberán orientarse á adquisición de medidores da calidade do aire, que é unha das medidas esixidas no novo protocolo do sector, sistemas domóticos ou de check-in automático, redes de control de distancia, accesos e aforos, infraestruturas de ventilación e climatización do aire, cartelería, rotulación ou sinaléctica vencellada á crise sanitaria, servizos ou materiais de reforzo da limpeza e desinfección ou obras de mellora dos locais para a creación de espazos de maior amplitude e versatilidade.