Recomendan visitar os cemiterios durante os días previos a Defuntos para evitar aglomeracións
Por Redacción
Con motivo da celebración do Día de Defuntos, o Concello de Bueu realiza un plan de actuación para mellorar a contorna dos cemiterios municipais. Durante estas xornadas previas reforzouse a limpeza no interior e o exterior dos recintos, ademais de revisar toda a iluminación.
Tamén unha empresa especializada en sinalización viaria traballa no pintado das prazas de estacionamento que se atopaban en mal estado, tanto no cemiterio de Bueu como no de Beluso.
Ademais, o Concello adquiría un lote de contedores de lixo para estes camposantos. Trátase de quince depósitos de 800 litros de capacidade e outros quince de 240 litros.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, lembra que é importante que se realicen as visitas nos días previos ao Día de Defuntos, o próximo 2 de novembro, para evitar aglomeracións nestes espazos. Recomenda que as visitas se realicen antes do 1 e 2 de novembro sempre que sexa posible. O rexedor publicou un Bando pedindo tamén que se utilicen de maneira correcta os contedores e o resto de equipamento que se atopa nos cemiterios. Tamén se establecerá un operativo especial da Policía Local para regular o tráfico nos viais e zonas de acceso aos recintos.
Desde o goberno local pídese que se manteñan as medidas de seguridade e hixiene, co uso da máscara se non se pode manter a distancia interpersoal.