Revisan os puntos de luz e os accesos dos seis cemiterios do municipio
Por Redacción
De cara ao Día de Defuntos e á celebración do Día de Todos os Santos, os seis cemiterios do municipio sométense estes días a diferentes actuacións ante a importante presenza de visitantes que se espera durante os próximos días nestas instalacións.
Os dous que son de titularidade municipal, o de Dorrón e o de Sanxenxo, comezaron días atrás os traballos de mellora co pintado da porta de entrada, podas de especies arbóreas e limpezas de espazos comúns. O goberno local advirte que o xel hidroalcohólico manterase no acceso ao recinto como medida preventiva e lembra que é obrigatorio o uso da máscara sempre que non se garde a distancia de seguridade con non conviventes.
O horario de apertura nestes dous cemiterios será de 08.00 a 21.00 horas para evitar aglomeracións.
Os departamentos de Obras e Servizos; e Medio Ambiente, traballan coas entidades xestoras dos outros camposantos do municipio como é o caso de Nantes, Noalla, Vilalonga e Portonovo. Nestes puntos trabállase en limpeza e mantemento con revisión de accesos, zonas axardinadas e dos puntos de luz.
Tamén se está analizando o funcionamento dos puntos de auga para que estean dispoñibles con motivo das intervencións de familiares que desexen limpar os panteóns, segundo indican desde o Concello de Sanxenxo.