Cubela reclama á Xunta a que elimine a perigosidade na intersección entre unha estrada autonómica e outra provincial
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, remitiu un escrito á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Xunta de Galicia, no que se lle solicita que proceda a realizar un rebaixe dun noiro existente na intersección entre a estrada autonómica PO-233 (Bora-Carballedo) coa estrada provincial EP-0406 (Vilanova-Tenorio), que dificulta gravemente a visibilidade e representa un perigo para o tráfico.
Jorge Cubela substenta esta reclamación a AXI nas numerosas queixas e peticións veciñais con respecto a este tema así como nun informe da Asistencia Técnica Municipal que comprobou a perigosidade da intersección entre ámbolos dous viais.
Segundo o informe da Asistencia Técnica Municipal obsérvase que "efectivamente no cruce da PO-233, PKM 3, marxe esquerda, coincidente co entronque da EP-0406, advírtese un noiro de rocha que ao intentar incorporarse en dirección a Carballedo non permite ver con claridade os vehículos que veñen de Carballedo en dirección a Pontevedra. A existencia dunha curva neste punto de vision fai que moitas veces se faga realmente perigoso dita incorporación, ao existir un tramo de vision nula onde quedan agochados os vehículos".
Así e tras a comprobación "in situ", este informe da Asistencia Técnica Municipal considera oportuno se realice "un rebaixe do noiro, por parte da titular (AXI), que permita gañar en amplitude de vision, desta forma, as garantías para observar os vehículos que se aproximan de Carballedo serian plenas e non faría falta invadir a PO-233, para garantir dita visión no cruce, feito este moi perigoso", conclúe o informe técnico.