Poio insta á Xunta a que resolva os problemas no transporte escolar do IES da Fontenla
Por Redacción
O Concello de Poio insta á Xunta de Galicia a que tome as medidas necesarias para evitar que se repitan os problemas detectados a principio de curso no servizo de transporte público que utiliza parte do alumnado do IES da Fontenla. Este foi o acordo acadado no Pleno ordinario deste pasado martes, a través da moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), e que contou co apoio unánime de todos os grupos da corporación municipal.
Desta maneira, a Administración local esixe á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que garanta o cumprimento de rutas e paradas autorizadas, que realice as inspeccións pertinentes, que facilite aos condutores o listado de estudantes que usan este servizo e que vele polo cumprimento dos protocolos de seguridade marcados polas autoridades sanitarias por mor da pandemia da covid-19.
A encargada de defender esta moción foi a concelleira de Educación, Raquel Rodríguez, que resaltou a importancia de que a corporación dea traslado á Xunta destas peticións, “ante os problemas reiterados que se producen nas liñas de transporte do IES, algo que se vén repetindo nos últimos anos, especialmente durante as primeiras semanas do curso”. Se ben o Goberno local xa se puxo en contacto co departamento autonómico de Infraestruturas para dar traslado do malestar da ANPA e da comunidade escolar, a edila confía en que esta moción sirva “para que este tipo de situacións non se volva repetir e se preste un bo servizo, garantindo os dereitos do estudantado. Non podemos tolerar que haxa estudantes que queden nas paradas ou que non se cumpran os protocolos covid no que ao número de persoas no interior do autobús se refire”, advertiu a titular da área de Educación.
Coa aprobación desta moción, o Concello de Poio confía en que a Xunta de Galicia aborde este problema “coa seriedade que merece”. Ademais, o Goberno local lembra que, por desgraza, estas situacións tamén se detectaron noutras liñas de transporte escolar e non fai máis que afondar nas molestias que produce “a liña regular de autobuses de Poio, que é un auténtico desastre. Seguimos agardando pola chegada do transporte metropolitano e por un cumprimento axeitado de horarios de frecuencias”.
Relacionadas:
-
Esixen á Xunta un maior control das liñas de transporte escolar en Poio
Por Redacción |
-
O Concello de Poio culpa á Xunta da "desorganización" das liñas de transporte
Por Oskar Viéitez |
-
O Consello da Xunta autoriza as expropiacións para mellorar a seguridade da PO-308 entre Fontenla e Combarro
Por Redacción |
-
O acceso ao IES de Poio estrea pavimentación e pasará a ser de dirección única
Por Redacción |
-
A volta a clase centra o debate no pleno de Poio
Por Redacción |