110 quilómetros para darlle visibilidade á esclerose múltiple
Por Redacción
Visibilizar a esclerose múltiple é o obxectivo que se marcou a marinense Raquel Carragal Da Costa e polo que tentará cumprir un reto: correr 110 quilómetros de maneira continua. Será o próximo día 6 de novembro.
Segundo explicou Raquel, esta distancia de 110 km é a que hai desde Sarria ata Santiago de Compostela "tendo en conta que é o ano Xacobeo, quero darlle visibilidade e botar unha man a todas esas persoas que a sofren, que non sentan sós e crear comunidade".
Segundo os datos que manexa Raquel Carragal, a esclerose múltiple é unha enfermidade que afecta a 47.000 persoas en España, a 700.000 persoas en Europa e a 2,5 millóns de persoas en todo o mundo. Na zona do Morrazo hai 160 persoas diagnosticadas. O 70% dos novos casos diagnosticados de Esclerose Múltiple corresponden a persoas de entre 20 e 40 anos.
Hai uns meses Raquel recadou fondos para a investigación da esclerose múltiple con outro Reto, unir correndo Pontevedra con Santiago. "A miña sorpresa foi maiúscula, cando o meu obxectivo inicial era 1km-1 euro e o apoio da xente foi tan marabilloso, que excedemos os mil euros".
"Creo nas boas persoas, nas persoas de corazón, nas persoas solidarias... Creo que debemos axudarnos e que ningún de nós está libre de sufrir a enfermidade", dixo.