Vilanova de Arousa lembra a Valle-Inclán cunha ofrenda floral
Por Redacción
Vilanova de Arousa homenaxeou este xoves a Ramón María del Valle-Inclán no 155 aniversario do seu nacemento. A ofrenda floral desenvolveuse a pé do monumento do escritor na praza do Castro e nela participou o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
A ofrenda enmárcase na programación da Semana da Cultura de Vilanova de Arousa en honra ao escritor galego que se celebra estes días co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. A programación inclúe concertos, conferencias e diferentes presentacións, ademais desta ofrenda floral.
Así, está previsto que o venres se celebre unha lectura pública e presentación da mesa redonda de Valle-Inclán no museo ás 9,30 horas. A fin de semana a igrexa da Pastoriza acollerá a presentación da web de Amigos de Valle-Inclán e ás 20,00 horas o espectáculo Claves Líricas, co que a Xunta e o músico vigués Teo Cardalda están a promover a figura de Valle-Inclán con teatro e música nunha sorte de sorprendente ópera pop arredor da obra poética do creador do esperpento.
O domingo, ás 19,00 horas, no Auditorio de Vilanova de Arousa haberá a representación teatral Los Cuernos de Don Friolera.