Sanxenxo convertirá o Priorado de Arra nun centro de cultura artesanal
Por Redacción
O Priorado de Arra, tras a súa recente rehabilitación, xa ten un uso decidido. Converterase nun centro dedicado á cultura artesanal, un proxecto co que o Concello de Sanxenxo prevé impulsar e poñer en valor o traballo da artesanía local.
O obxectivo deste centro será, segundo traslada o goberno municipal, ademais de promocionar aos artesáns do municipio, transmitir a súa experiencia e coñecementos a futuras xeracións garantindo a supervivencia de oficios e actividades artesanais cun importante arraigamento.
Na mellora deste inmoble, que no seu día foi vivenda duns monxes benedictinos relacionados co mosteiro de Armenteira, investíronse preto de 400.000 euros.
Agora, o Concello quere dotar as instalacións dun equipamento valorado en 13.380 euros, dos que 8.000 serán financiados con fondos propios e 5.380 euros cunha axuda da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura.
A idea do Concello é dotalo do mobiliario e sistemas que permitan levar a cabo talleres formativos, exposicións temporais e encontros.
Os espazos cos que conta a Casa do Priorado serían adecuados para este fin, entenden desde a administración municipal.
Así, a primeira planta da edificación principal estaría destinada a exposicións temporais, actividades culturais e talleres formativos. A entrada sería un recibidor e o lugar de traballos administrativos. Os dous locais da edificación anexa destinaríanse a talleres formativos.
MELLORAS EN BIBLIOTECAS
O Concello, pola súa banda, realizou melloras na ventilación da biblioteca de Vilalonga, que permitirá acoller a tres usuarios no seu interior, segundo as actuais limitacións pola situación sanitaria, cifra que se prevé ampliar cando se vaian relaxando as restricións.
Tamén se actuará na biblioteca de Portonovo coa mellora do sistema de climatización, que fará que as instalacións sexan máis confortables.
O investimento con fondos propios para as dúas actuacións ascende a 8.016 euros.
Relacionadas:
-
O Priorado de Arra contará cunha sala de ensaios de música
Por Redacción |
-
O Concello humanizará a contorna da capela de San Amaro de Arra
Por Redacción |
-
Sesenta persoas participaron no Certame de Pintura ao aire libre de Arra
Por Redacción |
-
Remata a rehabilitación do Priorado de Arra
Por Redacción |
-
A rehabilitación do Priorado de Arra concluirá a finais de xuño
Por Redacción |