O servizo de teleasistencia domiciliaria será mellorado con importantes novidades
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres unha addenda ao convenio subscrito con 46 concellos para prestar o servizo de teleasistencia domiciliaria, dirixido ás persoas maiores ou discapacitadas que vivan soas ou ás persoas que estean acompañadas e teñan as súas facultades moi mermadas para valerse na vida cotiá.
Este servizo, vixente desde o ano 1998, leva a cabo por medio dun convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. "É un servizo moi necesario, sobre todo nas zonas do rural", sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva.
Como principais novidades desta addenda, a partir de agora tamén poderán beneficiarse da teleasistencia aquelas persoas que se trasladen á vivenda doutra persoa por deterioración física (antes só era para aquelas que vivían soas). Ademais amplíanse os tramos de renda.
En rolda de prensa, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que xa está en licitación un novo contrato de teleasistencia "que supoñerá novos avances" como a adaptación ás novas tecnoloxías máis avanzadas, con novidades como a inclusión de detectores de fume e gas, ou a prestación a través de teléfono móbil (e non unicamente con fixo como ata o de agora).
Carmela Silva tamén criticou a xestión da Xunta en materia de servizos sociais por non dedicar os recursos suficientes para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
A achega autonómica ao SAF pasará dos 9,7 euros/hora actuais aos 12 euros/hora en 2024 "cando os custos aumentaron unha media de 18 euros e nalgúns casos mesmo a 22 euros" un incremento que están a asumir os concellos, indicou Silva, cando a Xunta "non pon nin un euro" xa que se trata de recursos que achega o Estado.
"Paréceme intolerable este comportamento da Xunta" dixo a mandataria provincial.
Relacionadas:
-
O servizo de teleasistencia da Deputación de Pontevedra rexistrou este ano 7.528 alarmas
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación moderniza o seu servizo de teleasistencia domiciliaria
Por Redacción |
-
Benestar Social e Idades lanzan un novo curso para formar a futuros traballadores do SAF
Por Redacción |
-
Investimentos de máis de 4 millóns de euros da Deputación en política social para facer fronte á crise
Por Anxo Lourido |
-
Pontevedra terá 63.108 horas anuais máis de Axuda no Fogar, un incremento do 52,63%
Por Redacción |