O Pleno provincial rexeita todas as reclamacións e mocións do Partido Popular
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Deputación de Pontevedra celebrou este venres o Pleno ordinario correspondente ao mes de outubro no que o grupo provincial do Partido Popular veu rexeitadas todas as súas iniciativas.
En primeiro lugar foi aprobado o Regulamento de Teletraballo da Deputación de Pontevedra.
O Goberno provincial (PSOE + BNG) votou en contra das alegacións presentadas polos populares nas que solicitaban que entre os criterios prioritarios para autorizar o teletraballo, se inclúan, entre outras, ás persoas con discapacidade, que necesiten conciliar a vida familiar e laboral, e aos traballadores que non teñan autorizada compatibilidade para o desempeño dun segundo posto de traballo, cargo ou actividade no sector público.
O Pleno rexeitou as alegacións presentadas polo grupo do PP "porque definir o teletraballo como conciliación produciría efectos negativos nos dereitos laborais das mulleres".
Tamén foron rexeitadas as dúas mocións que presentou o PP, unha na que instaban a administración provincial a mellorar a seguridade viaria na estrada EP-8001 entre Caldas de Reis e Catoira.
O Partido Socialista e o Bloque votaron en contra unha vez que os populares negáronse a aceptar a emenda do Goberno na que lle facía ver que a propia Deputación e a Xunta asinaron un protocolo no ano 2010 para a transferencia desta estrada á rede autonómica na medida en que soporta tráficos entre a autovía do Barbanza, na provincia da Coruña, e a Autopista do Atlántico, na de Pontevedra. Unha transferencia que tamén tiña sido solicitada en 2016 polas deputacións de Pontevedra e A Coruña e polos concellos de Catoira e Rianxo.
Na outra moción, o PP pretendía que a Deputación instase ao Goberno de España a incrementar substancialmente os recursos que asigna a provincia e a executar a totalidade do orzamento. Ao ser unha cuestión "reiterativa" os deputados socialistas e nacionalistas evitaron o debate.