Mestizaxes, o festival das cociñas do mundo feitas con produto local
Por María José Pita
Pontevedra Capital Gastro, o proxecto para incentivar a economía da cidade a través de actividades que poñen en valor a hostalería, cociña e produtos locais, regresa na primeira semana de novembro coa celebración do primeiro festival gastronómico Mestizaxes.
Este evento, que se desenvolverá entre o 2 e o 7 de novembro, está impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa Universidade de Vigo.
Mestizaxes ten como obxectivo "darlle visibilidade á cociña internacional da cidade", manifestaba a concelleira Yoya Blanco, á vez que lembraba a grande achega desta multiculturalidade á oferta culinaria pontevedresa.
O programa de actividades componse de dous tipos de eventos. Por unha banda, uns faladoiros titulados Encontros Mestizos, que se desenvolverán na sede da Vicerreitoría do Campus Universitario de Pontevedra (Casa das Campás) e que consistirán en conversas entre representantes da cociña internacional en Pontevedra e da cociña galega, que ademais de falar, elaborarán un prato. Por outra parte, o ‘I Festival Gastronómico Mestizaxes. As Cociñas de Ida e Volta’, achegará unha proposta moito máis lúdica e aberta a todo o público nunha gran carpa instalada na praza de España.
A iniciativa foi presentada este venres na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; e os chefs Rubén González Vallejo, de El Cafetín, Francesco Iannelli, de Il Piccolo, Carmen Canabal, de Causa Street Food, e Marta García, de Meigas Fóra, que protagonizarán dous dos Encontros, así como Marta Santiago, de A Fervella, en representación da Banda Cociñas de Pontevedra.
ENCONTROS MESTIZOS
Os Encontros Mestizos, aos que só se poderá asistir por convite para respectar as restricións de aforo, celebraranse na Casa das Campás os días 2, 3 e 4 de novembro a partir das 11:30 horas.
O encontro inaugural do martes 2 de novembro estará protagonizado por Ilhem e Rafael, do restaurante Dukela (cociña de Marrocos), e o estrella Michelin Iñaki Bretal, do Eirado da Leña, contando co vicerreitor da UVigo Jorge Soto como moderador da charla.
O mércores 3 de novembro, o responsable da revista La Alacena Roja, Alberto Traversa, conducirá o encontro entre Carmen Canabal, do restaurante Causa Street Food (cociña de Perú), e Marta García, de Meigas Fóra.
E o xoves 4 de novembro será a quenda de Francesco Iannelli, de Il Piccolo (cociña de Italia), e Rubén González Vallejo, de El Cafetín, que serán moderados polo profesor Ricardo Fernández, do CIFP Carlos Oroza.
FESTIVAL GASTRONÓMICO MESTIZAXES
O mesmo xoves 4 de novembro pola tarde dará comezo o ‘I Festival Gastronómico Mestizaxes, as Cociñas de Ida e Volta’, aberto a toda cidadanía na carpa instalada diante da antiga Casa Consistorial con dez postos de establecementos hostaleiros de Pontevedra que ofrecen cociña internacional de países concretos. Tamén haberá un posto con café de orixe e outros dous para bebidas.
"A oferta gastronómica será en formato tapa, de xeito que o público asistente poida degustar varias receitas. Cada un dos restaurantes ofrecerá catro tapas salgadas e un doce. O aforo máximo previsto na carpa é de 360 persoas", indicou Yoya Blanco.
A relación de países e expositores é a seguinte: Perú, da man de Causa Street Food; México, con La Catrina; Venezuela, con Arepas Gastrobar; Xapón, con Kenzo; Chile, co Saudade; Brasil, coa Croquetería El Crack; China, con El Cafetín; Estados Unidos, con Candela Grill Burguer; e Portugal, como país convidado. Complétase a oferta cos postos de Cociña Internacional Vegana e Café de orixe, de El Club del Café, ademais do viño achegado pola IXP Ribeiras do Morrazo e a cervexa de Estrella Galicia.
PROGRAMA DO FESTIVAL GASTRONÓMICO MESTIZAXES
Xoves 4 de novembro:
19:00 horas: Inauguración e apertura dos postos
21:00 horas: Noite universitaria (Xoves Universitario)
22:00 horas: Actuación do DJ Fon Kid
Venres 5 de novembro:
12:00 horas: Apertura da carpa
13:00 horas: Sesión vermú con DJ T.O.T.S.
17:30 horas: Gravación do programa O Chuso
21:00 horas: Sesión nocturna con DJ T.O.T.S.
00:00 horas: Peche da carpa
Sábado 6 de novembro:
12:00 horas: Apertura da carpa
13:00 horas: Sesión vermú con DJ T.O.T.S.
21:00 horas: Sesión nocturna con DJ T.O.T.S.
00:00 horas: Peche da carpa
Domingo 7 de novembro:
12:00 horas: Apertura da carpa
13:00 horas: Sesión vermú con DJ T.O.T.S.
17:00 horas: Peche da carpa
Relacionadas:
-
Rubén González gaña o premio do xurado popular no Certame 'De Tapas por Galicia'
Por Redacción |
-
Rubén González representará a Pontevedra na gala 'De Tapas por Galicia'
Por Redacción |
-
Máis de 10.000 visitantes degustaron 15.250 tapas servidas no Festival Gastronómico Mestizaxes
Por Redacción |
-
Os donos de Il Piccolo e El Cafetín reivindican máis conciliación e controis horarios para a hostalería na charla de Mestizaxes
Por Manu Otero |
-
Mestizaxes pon o foco no intercambio culinario entre Pontevedra e Perú
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Sabor e cor marroquí con produto e tradición de Galicia para inaugurar Mestizaxes
Por Manu Otero |
-
RADIO.- Comeza unha semana para gozar dos 'Mestizaxes' da Pontevedra Capital Gastro
Por Redacción |
-
Pontevedra elixe a mellor filloa da cidade
Por Redacción |
-
O Avoa Fest, á procura do recetario ancestral da cidade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
'O galo que comeu a navalla' de Sergio Roma (O Souto), vencedor da 'Batalla das Cunchas'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A hostalería de Pontevedra activa o roteiro da Festa das Cunchas
Por Redacción |
-
'Pontevedra Capital Gastro' comeza a súa andaina para impulsar os sectores do turismo, hostalería e alimentación
Por Mónica Patxot & Redacción |