A empresa Cenlitrosmetrocadrado deseñará a nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción
O Concello de Pontevedra contará nos próximos meses cunha nova imaxe corporativa deseñada pola empresa Cenlitrosmetrocadrado. Sacado o proxecto a concurso a mediados do ano, a resolución final chegou logo dos diferentes procesos públicos de selección.
Con data do 24 de setembro do 2021, o xurado designado para a valoración e selección das propostas achegadas polos candidatos seleccionados a participar na chamada a proxecto ‘Nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra’ decidiu que o lema Arria Oreta, presentado por Cenlitrosmetrocadrado Sociedade Cooperativa Galega, é o gañador do concurso.
O xurado técnico, sinala que das catro propostas presentadas, houbo dúas que destacaron pola "formalidade e intencionalidade de xerar unha marca institucional recoñecible e con idea de perdurar no tempo".
A que finalmente acadou a maior puntuación ofrece unha "evolución visual do escudo que resume de forma sinxela e clara o que debe ser a primeira parte dunha aplicación visual acorde aos estándares actuais de accesibilidade, rápida asimilación de contidos e de formas co menor uso posible de elementos, e identidade cidadá. Ademais, complementa esa marca institucional cun sistema gráfico que permite a evolución e construción dun universo visual maior, aplicado á cidade que se pretende, sendo implantado en múltiples contornas", en palabras dos expertos que conformaron o xurado.
Os tres lemas restantes presentados foron Xabarín (No necesariamente, SL), Pontevedra (Iconweb agencia de diseño y marketing, SL) e Azos (Numax S. Coop. galega). Estes tres candidatos seleccionados para participar na chamada a proxecto e que non resultaron contratados recibirán un pagamento de 950 euros.
Doutra banda, a adxudicación do contrato menor para a elaboración da nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra por importe de 12.000 euros recaeu na empresa Cenlitrosmetrocadrado, con sede no Milladoiro (Ames, A Coruña), que celebrou este mesmo venres a súa primeira reunión con representantes do Concello para comezar o traballo en común e indicar as primeiras trazas para a creación desa nova imaxe corporativa que representará a diferentes niveis visuais e gráficos ao Concello.
Entre os traballos a realizar nos vindeiros meses está o redeseño das diferentes representacións gráficas do Concello de Pontevedra, que inclúen o seu logotipo, o seu imagotipo, a creación dun manual de marca, a sinalética oficial ou as adaptacións gráficas para diferentes rexistros e ferramentas utilizadas de cotío por traballadores e representantes, entre outros elementos.
Relacionadas:
-
Estudantes do IES A Xunqueira I deseñan novos carteis de benvida a Pontevedra
Por Redacción |
-
A implantación da nova identidade corporativa do Concello cambiará o lema da fachada do pavillón municipal
Por Oskar Viéitez |
-
Auga e pedra dan forma á nova imaxe de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, na busca dunha nova imaxe para dar un "salto adiante" na súa proxección
Por Alejandro Espiño |
-
Os interesados en deseñar a nova imaxe do Concello poden presentar traballos ata o 2 de xullo
Por Redacción |
-
Catro expertos asesorarán na escolla da nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra avanza na procura da súa nova imaxe corporativa
Por Redacción |
-
Haberá un cambio de imaxe corporativa do Concello para amosar o dinamismo e a proxección internacional de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |