Aforra o enterro, doa o teu corpo
Por Oskar Viéitez
A morgue da Facultade de Medicina de Santiago ten colgado o cartel de "completo".
Os dous pozos de formol e as 24 cámaras de frío de que dispón o centro académico están ocupadas polos cadáveres daquelas persoas que no seu día decidiron doar o seu propio corpo para a ciencia. Unha decisión que cada día é máis frecuente. Aínda que non sempre sucedeu así.
Dúas son as razóns que xustifican este cambio, segundo explicaron desde o Departamento de ciencias Morfolóxicas da Universidade de Santiago, a evolución da mentalidade dos galegos, que antes rexeitaban de pleno esta posibilidade e agora son máis altruístas, e a segunda, ten que ver coa crise: porque doar o corpo á ciencia é unha forma de aforrarse o enterro.
Antiguamente os asilos, os centros de caridade ou os psiquiátricos eran os proveedores de corpos para o estudo universitario, unha circunstancia que se prohibiu por lei na década dos 80. Empezou entón unha época de escaseza na que os poucos corpos que se dispoñían lucían mil zurcidos diferentes.
Hoxe, en cambio, os defuntos apenas completan dous cursos na universidade, e nun par de anos teñen garantido o enterro gratuito. Mellor Dito, son incinerados no crematorio da Coruña e as súas cinzas devoltas a Compostela para repousar nun cinceiro común xunto a outros donantes, no cemiterio de Boisaca.
Quere ser donante?
A facultade de Medicina de Santiago só acepta doazóns de cadáveres procedentes do territorio de Galicia e resérvase o dereito de determinar a aceptabilidade dunha doazón.
Así rexeitanse aqueles corpos con enfermidades infecciosas, feridas ou ciruxías recentes, obesidade mórbida, EEB, úlceras ou cando non se poida asegurar unha preparación correcta da conservación.
Os que si se admiten tardan un ano en estar preparados para o seu uso.
Cando o donante falece, os seus achegados deben comunicar coa facultade de Medicina de Santiago que nas primeiras 48 horas faise cargo do cadáver, trasladándoo á unidade de Anatomía Patológica do hospital Clínico Universitario de Santiago.