Educación comprométese a estudar a reforma e utilización do edificio anexo ao Álvarez Limeses
Por Diego Espiño
A sede da Xunta de Galicia en Campolongo foi escenario dunha reunión con representantes da comunidade educativa do CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra.
Na mesma estiveron presentes representantes da dirección do centro e membros do ANPA, ademais do delegado territorial da Xunta, Luís López, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares. Tamén participaron dúas concelleiras do PP local, Pepa Pardo e Silvia Xunco.
Precisamente esta formación asegura tras o encontro que a Xunta de Galicia comprometeuse a encargar a redacción dun estudo técnico para a reforma e utilización do edificio anexo ao centro para o seu uso como instalación educativa.
Trátase dunha reivindicación reiterada desde hai tempo por parte da comunidade educativa do Álvare Limeses, ante o abandono do inmoble que hai moitos anos acollía vivendas dos mestres do colexio e que na actualidade é propiedade do Concello.
"Queremos recalcar a necesidade de que este edificio pase ao dispor do profesorado e do alumnado, e así se beneficie toda a comunidade educativa. No centro estudan 450 alumnos que poderían utilizar este espazo", sinalou tras a reunión a edil popular Pepa Pardo.