Conclúe a reparación dun dos aparcamentos disuasorios do Pavillón, que reabrirá o martes día 2
Por Redacción
Os condutores poderán a volver facer uso, a partir do martes día 2 de novembro, dun dos aparcamentos disuasorios do Pavillón Municipal dos Deportes, pechado durante as últimas semanas para acometer traballos de mantemento.
Así o confirmou o Concello de Pontevedra unha vez dado por finalizada a actuación por parte dos técnicos municipais.
En concreto acometeuse o acondicionamento da chaira coa renovación e mellora do firme e realizáronse tarefas de roza e limpeza en xeral.
Unha vez pechada a primeira fase dos traballos, a partir do luns 8 de novembro dará comezo a actuación no segundo dos aparcamentos disuasorios do Pavillón, polo que o seu acceso quedará restrinxido aos vehículos polo menos durante quince días.
O acondicionamento destes aparcamentos conta cun orzamento total de 47.626,06 euros.