Ponte Caldelas cre que a Xunta "debería investir preto de 10 millóns de euros" no municipio
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas enviou as súas emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2022.
Entende o goberno local que esas contas autonómicas deixan sen resolver necesidades básicas do municipio que son competencia da Xunta e que se van arrastrando dos últimos anos.
De feito o alcalde, Andrés Díaz, asegura que "a Xunta de Galicia debería investir preto de 10 millóns de euros en Ponte Caldelas para compensar a falta de investimento nos últimos seis anos". Ademais o rexedor reclama unha "repartición igualitaria" entre todos os concellos en base a criterios obxectivos.
A principal carencia para o Concello é a ausencia de partidas para afrontar o saneamento da maior parte dos núcleos do rural, estimando este investimento nos 6 millóns de euros. "Nunca reclamamos grandes investimentos para o noso concello, pero o saneamento é unha necesidade de primeiro nivel", defende Díaz.
Ademais o goberno municipal pon o foco na atención ás persoas maiores reclamando a creación dun centro de día que custaría ao redor dun millón de euros, tras o rexeitamento á proposta para habilitar un na Casa da Quintán.
O concello tamén pide a inclusión nos orzamentos da creación de tres senllas peonís entre A Insua e Silvoso, outra entre Tourón, Buchabade e Vilarchán, e unha terceira entre Vilarchán e A Reigosa.
Por último Ponte Caldelas solicita a construción dun centro de saúde e apoio o mantemento da área Arqueolóxica de Tourón, así como que se acometa ao fin a terceira fase de reforma da estrada PO-234, que xa se contemplaba nos últimos presupostos sen que se chegase a executar.