Pistoletazo de saída para o 'Laboratorio da Infancia'
Por Redacción
Unha saída por un tramo do Camiño Portugués na parroquia de Tomeza, dous talleres de escalada no Pavillón Multiusos e tres observatorios de aves nas Marismas de Alba conforman o cronograma de actividades cos que o proxecto Laboratorio da Infancia inicia a súa actividade durante primeira quincena de novembro.
Trátase dun programa impulsado pola Concellería de Educación e que conta con financiamento europeo, con obradoiros centrados nas materias de educación e concienciación ambiental, prácticas deportivas, sustentabilidade, economía circular e vida saudable.
En total ofértanse cinco actividades por centro educativo, sendo a primeira delas o martes 2 de novembro con 21 alumnos do CEIP San Andrés de Xeve que poderán practicar escalada no Multiusos da Xunqueira.
O programa continuará o mércores 3 de novembro cunha saída de 25 alumnos de 6º curso do CEIP A Xunqueira por un tramo do Camiño Portugués en Tomeza, mentres que o xoves escolares do CEIP Cabanas participarán nunha actividade de observación de aves nas Marismas de Alba.
"A empresa Marexada continúa a efectuar chamadas aos centros para pechar datas e facilitar os formularios de inscrición a aqueles colexios que aínda non os cubriron", confirma o edil de Educación, Tino Fernández.
O proxecto Laboratorio da Infancia enmárcase dentro das accións para desenvolver na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra 'Máis Modelo Pontevedra' (Edusi), no que se contempla unha liña de accións dirixida aos centros educativos.
Ata a data a empresa responsable da programación recibiu 65 solicitudes de centros educativos para participar nas diferentes actividades ofertadas.
Relacionadas:
-
O colexio de Barcelos estreará a rolda de obradoiros do Laboratorio da Infancia
Por Redacción |
-
O Laboratorio da Infancia programa actividades saudables para escolares
Por Redacción |
-
A escalada deportiva, un 'Laboratorio da Infancia" para os escolares pontevedreses
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |