Impulso ao proxecto de ampliación da rede municipal de campos de petanca
Por Redacción
O proxecto das concellerías de Deportes e de Desenvolvemento Sostible para ampliar a rede municipal de campos de petanca con nove pistas novas sufrirá esta semana un impulso case definitivo.
Segundo avanzan os seus responsables está previsto aprobar o expediente de contratación do proxecto na Xunta de Goberno Local do vindeiro martes 2 de novembro.
Con este paso desbloquearanse as reformas a falta xa só da súa licitación, polo que calculan poderanse acometer entre finais de ano e comezos do 2022 para pasar das 17 pistas actuais a 26.
En total o Concello investirá niso ao redor de 130.000 euros.
As novas pistas estarán emprazadas no contorno da igrexa de Monte Porreiro (2), en Pontevedra Leste (Rúa dos Soutos e o barrio da Parda), Mourente (Cons), Ponte Sampaio (A Ballota), Verducido (proximidades da igrexa), Estribela (ao lado do parque infantil de Marqués de Valterra) e Marcón (na zona do campo da festa).
Trátase, asegura o edil Tino Fernández, de xerar "espazos de socialización comunitaria, encontro veciñal e práctica de actividades deportivas e de lecer, con alto valor paisaxístico e confort", xa que está previsto completar as reformas dotando ás zonas verdes de mobiliario, iluminación, céspede e novas plantacións.