Vilagarcía programa a segunda fase da mellora de accesibilidade na Rúa Alexandre Bóveda
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía ten xa programada a segunda fase da obra de mellora de accesibilidade e seguridade viaria da Rúa Alexandre Bóveda coa completar os traballos que se están executando actualmente na beirarrúa do fronte do edificio da Praza de Abastos. A segunda fase afectará á beirarrúa oposta e precisará dun investimento de 34.100 euros que se financiará con cargo aos remanentes do Plan Concellos da Deputación Provincial de Pontevedra.
A memoria desta nova actuación foi aprobada pola Xunta de Goberno Local na reunión do pasado luns, na que tamén se acordou solicitar ao organismo provincial o reinvestimento do sobrante da adxudicación da obra de humanización da rúa Camilo José Cela.
A segunda fase da Mellora de accesibilidade en Alexandre Bóveda consistirá no ensanche da beirarrúa oposta ao fronte da Praza de Abastos, dende a intersección con Arcebispo Lago ata o entronque coa avenida Valle Inclán. Ademais de gañar amplitude, a beirarrúa construirase con formigón tratado de igual forma que o que se está a poñer na parte oposta da rúa, de forma que resulte moito máis cómodo e accesible para os peóns, non presente desniveis ou obstáculos e permita unha mellor adherencia. Ademais, este material é moito máis resistente e precisa menos mantemento que os tradicionais pavimentos de lousas que se soltan e levantan con moita frecuencia.
A obra inclúe tamén o tratamento dos bordes e arestas mediante pulido e rebaixe do chaflán, os cortes transversais para indicar as zonas de vado peonil e o uso limitado de loseta hidráulica con botóns antideslizamento para sinalizar os puntos nos que se sitúan pasos de peóns ás persoas invidentes.
Ademais, o proxecto prevé a supervisión, posta a punto e reposición das acometidas das redes de pluviais e saneamento e a formación das correspondentes pendentes de evacuación de augas pluviais.
Relacionadas:
-
Saen a licitación as obras de humanización de Arcebispo Lago por 636.400 euros e un prazo de execución de 6 meses
Por Redacción |
-
A rúa Camilo José Cela de Vilagarcía, un cambio de imaxe radical que a recupera para a xente
Por Redacción |
-
Denuncian un vilagarcián por exhibirse espido e provocar a dúas menores de 15 e 16 anos
Por Redacción |