A Consellería de Vivenda abrirá en 2022 novas liñas de axuda para a mellora da eficiencia enerxética
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os tres portais do edificio número 16 da avenida Augusto García Sánchez na zona de Campolongo foron modificados para mellorar a adaptabilidade grazas a axudas impulsadas pola Xunta de Galicia. Este edificio foi construído en 1982 e as 24 vivendas atópase ocupadas tanto por familias novas como por persoas de avanzada idade.A entrada ofrecía diferentes alturas que impedían o correcto acceso dunha cadeira de rodas ou dun carro de bebé.
Este martes, Ángeles Vázquez, conselleira de Vivenda e Medio Ambiente, visitaba o inmoble denominado 'Nosa Señora da Esperanza' para comprobar as obras que se acometeron a través da comunidade veciñal coa axuda de 60.000 euros procedentes do Instituto Galego da Vivenda e Solo para evitar os obstáculos arquitectónicos permitindo un mellor acceso e unha reforma completa dos ascensores nos tres portais.
A titular de Vivenda recoñeceu que estas subvencións contaron con moi boa acollida e en Galicia un total de 10.511 familias beneficiáronse desta achega nos tres últimos anos, un terzo delas na provincia de Pontevedra. Na capital ao redor de 756 vivendas cun total de 60 subvencións puideron acceder a un millón de euros para este tipo de actuacións. En total concedéronse desde a Xunta 20,2 millóns de euros para esta finalidade en toda a comunidade. A administración autonómica encárgase de sufragar o 40% da obra e o resto corresponde á comunidade veciñal. Desde 2019 concedéronse 1.387 subvencións.
NOVAS CONVOCATORIAS
Ángeles Vázquez anunciaba na súa visita que en 2022 destinaranse preto de 17 millóns de euros a través de cinco liñas para subvencionar actuacións de restauración e de eficiencia enerxética en espazos residenciais como vivendas unifamiliares, edificios comunitarios ou empresas destinadas a estes fins.
A primeira convocatoria publicarase este xoves 4 de novembro no DOG. Trátase do programa PREE 5000 e as persoas interesadas poderán solicitar as axudas en xaneiro de 2022.
Este programa céntrase en intervencións para rehabilitar energéticamente vivendas en municipios cunha poboación inferior a 5.000 habitantes. As obras terán que realizarse en edificacións construídas antes de 2007.
Os traballos que se realizarán para reducir os consumos e as emisións deberán estar relacionados coa envolvente térmica, uso de enerxías renovables nas instalacións de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; tamén se poderá acceder á axuda para mellorar as instalacións de iluminación.