Mestizaxes pon o foco no intercambio culinario entre Pontevedra e Perú
Por Manu Otero & Mónica Patxot
A Casa das Campás volveu ser escenario, por segundo día consecutivo, dunha charla sobre cociña enmarcado no programa Mestizaxes, un evento que pretende posicionar a Pontevedra como capital gastronómica, na que participaron Carmen Canabal e Marta García, responsables respectivamente dos restaurantes Causa Street Food, especializado en cociña peruana; e Meigas Fóra, centrado en cociña tradicional galega cun toque de vangarda.
Moderado polo promotor da revista culinaria A Alacena Vermella, Alberto Traversa, a conversación virou ao redor do tipo de cociña que ofrecen estes dous establecementos e da orixe do gusto de ambas as cociñeiras polos fogóns. O caso de Canabal foi por vocación, pero o de García, por reciclaxe laboral. Arquitecta de profesión, coa crise do 2008 quedou sen traballo e facendo un curso de cociña no Carlos Oroza descubriu unha nova paixón. "Enganchoume. Ademais a cociña e a arquitectura están conectadas, ambas requiren creatividade e son unha expresión artística", explica.
A historia de Canabal tampouco está exenta de inesperados xiros de guion. Estudou cociña e traballou en varios restaurantes de Pontevedra, pero o seu espírito aventureiro, a súa atracción pola gastronomía peruana e o seu carácter " terco", levouna a coller unha mochila e cruzar o charco. "Fun alí a aprender, percorrín todo o país, pero estiven principalmente en Lima e Cuzco porque tamén tiña que traballar", relata. "A cociña alí é unha cultura total, hai variedade de produtos, de clima, de culturas. Ademais inclúe cociña dunha chea de países, como China, Xapón, España ou mesmo de África, hai unha mestura moi grande", detalla con paixón.
A xestión da pandemia foi outro dos temas que trataron. Mentres no Causa adoptaron o sistema delivery, convencidos de que "chegou para quedar", para sobrevivir ao confinamento, en Meigas Fóra abrazaron a loita obreira para esixir un rescate para un sector que pagou os pratos rotos dunha situación da que non son responsables. "Non nos podían deixar sen axudas", mantén García, que aínda considera insuficientes as liñas de axudas aprobadas polas distintas administracións.
Con todo, coa relaxación das restricións o sector reactivouse e ambas coincidan en cualificar o verán como "moi bo". De feito, na capital do Lérez o restaurante peruano é un dos que máis interese esperta tanto pola propia cidadanía como por visitantes. "É pola novidade e porque é diferente", achaca con humildade Canabal.
Aínda así, recoñece Canabal que hai pratos típicos de Perú que aínda non se atreve a implantar no seu local. "As partes menos nobres como o corazón, os fígados, a casquería en xeral. Á xente de aquí cústalle unha chea, pero alí úsase para todo", puntualiza. Precisamente o seu prato favorito desta cociña e ao que non puido resistirse a incluír na súa carta é con este tipo de produto. "O anticucho, que se fai con corazón de tenreira, cando o probei alí dixen: 'guau'. Aínda que é casquería, é impresionante", destaca.
A cociñeira lanzouse á aventura de abrir un restaurante peruano en Pontevedra no ano 2013. Apostou por Pontevedra porque "é unha cidade cómoda, está preto de Forcarei (o seu lugar de residencia) e permíteme ir a casa a por os produtos da horta", argumenta. O negocio vai vento en popa, pero Canabal non se conforma e recoñece que lle necesitaría estar máis tempo no país dos incas para absorber todo o coñecemento sobre esta centenaria cultura culinaria. "Un ano non basta para ser peruana, encantaríame estar máis", remata.
Relacionadas:
-
Máis de 10.000 visitantes degustaron 15.250 tapas servidas no Festival Gastronómico Mestizaxes
Por Redacción |
-
Mestizaxes abre as portas a un universo de cociña de fusión
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Os donos de Il Piccolo e El Cafetín reivindican máis conciliación e controis horarios para a hostalería na charla de Mestizaxes
Por Manu Otero |
-
Sabor e cor marroquí con produto e tradición de Galicia para inaugurar Mestizaxes
Por Manu Otero |
-
RADIO.- Comeza unha semana para gozar dos 'Mestizaxes' da Pontevedra Capital Gastro
Por Redacción |
-
Mestizaxes, o festival das cociñas do mundo feitas con produto local
Por María José Pita |