Inician a busca dos restos de dezaoito republicanos asasinados en Vilagarcía
Por Redacción
Atopar e identificar os corpos de dezaoito persoas asasinadas en Vilagarcía de Arousa e soterradas de xeito irregular nunha fosa común. Con este obxectivo arrancaron este mércores no cemiterio municipal de Rubiáns os traballos de exhumación deste enterramento.
Os expertos consideran que neste punto están os corpos destas vítimas da violencia franquista entre 1936 e 1937, executadas polos seus vínculos coas teses republicanas.
Este é o primeiro soterramento irregular que se exhuma en Galicia seguindo o protocolo de actuación promovido polo grupo Histagra da Universidade de Santiago, co apoio do grupo de de Medicina Xenómica e do Instituto de Medicina Legal de Galicia.
É unha investigación que forma parte do convenio que, en materia de memoria democrática, asinaron a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago.
O equipo de traballo está formado polo catedrático de Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto, o arqueólogo e investigador José Carlos Sánchez Pardo, o médico forense do IMELGA, Fernando Serrulla Rech, e o catedrático de Medicina Legal, Ángel Carracedo.
Os dous últimos serán os responsables das análises forenses e dos cotexos de ADN dos restos que se atopen neste enterramento, para identificalos e poder entregalos ás familias.