Lixo 'a prezo de ouro': ata un 20% máis pagaremos polo aumento do canon de Sogama
Por Alejandro Espiño
Catro millóns de euros. Son as perdas coas que prevé pechar este ano Sogama, a empresa encargada da xestión de residuos sólidos urbanos en Galicia. Para equilibrar as súas contas decidiu incrementar a cota que cobra aos concellos pola recollida de lixo. Ata un 33% máis a partir do 1 de xaneiro. Unha subida que obrigará, na maioría dos casos, a subir o recibo que abonan os cidadáns.
Na carta, datada o pasado 18 de outubro pero recibida no Concello esta semana, Sogama informa ao alcalde, Miguel Fernández Lores, que se viu obrigada a tramitar un plan de viabilidade "a fin de poder garantir o cumprimento da estabilidade presupuestaria". E ao entender que o actual canon "non alcanza a cubrir os custos que orixina o tratamento de residuos municipais" avisan do incremento da cuantía actual.
En concreto, Sogama establece un canon, con efectos a 1 de xaneiro de 2014 de 82,10 euros (74,64 euros máis un 10% de IVA) por cada tonelada de lixo xerada. Trátase dun 33,5% máis do que viña cobrando aos concellos ata agora, 61,5 euros (55,91 euros máis IVA). Unha subida cualificada polo goberno municipal como "astronómica" e que no caso pontevedrés podería ser moito maior.
A subida, que tería que repercutirse nas facturas que reciben os cidadáns, segundo as estimacións municipais podería supoñer un 20% máis
Iso é debido a que Pontevedra, desde a anterior subida aplicada por Sogama, non abona polo servizo o canon que impoñía a empresa. O prezo réxese polo contrato asinado en 1999, na que se recolle un canon variable por cada tonelada, que se calcula en base ao IPC e ao prezo da enerxía. ÿ dicir, canto maior é o custo da luz, menor é o canon e viceversa. Unha decisión que foi ratificada polos tribunais en varias ocasións.
Baixo esta premisa, Pontevedra pagaba 31,5 euros máis IVA por cada tonelada de lixo xerado, lonxe dos 61,5 que reclamaba Sogama. Pero o problema, segundo o goberno municipal, que ao presentar este novo canon como un plan de viabilidade ese contrato pode quedar sen efecto e entenderse que empeza unha vinculación contractual nova. Iso é o que están analizando os servizos económicos e xurídicos municipais.
Se se dá o caso de que Pontevedra poida manter en vigor o anterior contrato, o custo anual do servizo aumentaría uns 700.000 euros, chegando ata os 1,7 millóns. Pero se debe empezar a abonar o novo canon esa cantidade ascendería ata os 2,6 millóns por ano. Unha subida que, probablemente, tería que repercutirse nas facturas que reciben os cidadáns e que, segundo as estimacións municipais, podería supoñer un 20% máis.
Relacionadas:
-
Cada fogar pontevedrés pagará 1 euro máis ao mes pola subida do canon de Sogama
Por Alejandro Espiño |
-
Un foro de Adega expón alternativas na xestión de residuos porque "desengancharse de Sogama é posible"
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra estuda sumarse á fronte de concellos que se uniron contra o 'tasazo' de Sogama
Por Alejandro Espiño |
-
ENCE, o 'tasazo' de Sogama e o corte na Barca monopolizan un pleno longo, tedioso e predecible
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE esixe que a Xunta asuma a subida do custo de Sogama nos concellos de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
O PP critica a subida de taxas no Concello de Pontevedra, salvo a "necesaria" de Sogama
Por Redacción |
-
Sogama vence a Pontevedra nos tribunais e recibirá case 4 millóns de euros en atrasos
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra aforrará 950.000 euros no 2013 ao pagar menos do que reclama Sogama
Por Alejandro Espiño |
-
Varapau xudicial a Sogama: o Concello non terá que pagar as facturas pendentes
Por Alejandro Espiño |