As 74 medidas que farán de Pontevedra un campus máis verde
Por Redacción
O comité ambiental do programa Green Campus, que en 2015 converteu Pontevedra no primeiro campus de España coa bandeira verde da Foundation for Environmental Education (FEE), aprobou o seu plan de acción para este curso.
O plan, o sétimo do Green Campus, está integrado por 74 medidas en materia de optimización do consumo enerxético, sostibilidade, redución de residuos, mobilidade, biodiversidade, consumo responsable, sensibilización e ambientalización curricular.
Entre as actuacións hai algunhas xa previstas en plans anteriores e pendentes de completarse (é o caso da creación dunha horta ecolóxica) e outras propostas novas como a instalación de paneis fotovoltaicos na Escola de Enxeñaría Forestal.
O director do Green Campus e Campus Crea, Carlos Souto, explica que se trata dunha serie de propostas "moi interesantes" realizadas polas comisións ambientais das facultades e escolas.
Debatéronse nunha reunión na que participaron tamén representantes de diferentes servizos da Universidade e outros colectivos e entidades, como Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), que se incorpora neste curso ao comité. Tamén participou a ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), responsable de xestionar este programa internacional en España.
A modo de balance do anterior plan, Carlos Souto recoñeceu que foi un curso "complicado", pois a pandemia limitou a capacidade de reunión e de facer actividades conxuntas. Pese a iso, o balance é "moi positivo", xa que preto do 70% das medidas previstas no anterior plan realizáronse ou atópanse en marcha".
"Estamos facendo un campus realmente sostible, con moita produción de enerxía limpa", salientou Souto.
Unha das áreas que Souto considera prioritario potenciar é a referida á participación, sensibilización e voluntariado ambiental, obxectivo no que se inclúen medidas como a creación da citada horta ecolóxica, que se atopa pendente dos permisos pertinentes para a súa execución. Será un espazo multidisciplinar para actividades educativas ou de investigación.
A biodiversidade, reforestación e adecuación de zonas verdes centra outro dos obxectivos do plan e nel inclúense medidas como converter un dos laterais de Ciencias Sociais e da Comunicación nun 'muro verde', a plantación de especies aromáticas e medicinais proposta por Fisioterapia e actuacións para identificar e eliminar plantas invasoras.