Os expertos analizarán no Museo como o patrimonio se enfronta a emerxencias e riscos naturais
Por Redacción
O Museo de Pontevedra vai acoller a finais de mes o X Encontro de conservación e restauración que este ano se centrará na xestión de riscos e emerxencias no patrimonio cultural e analizará, a través de persoas expertas de diferentes entidades de todo o Estado, catástrofes como a erupción do volcán de La Palma, o incendio de Nôtre Dame ou o terremoto de Lorca.
Sobre a mesa estarán temas como a utilización da intelixencia artificial aplicada aos plans de protección ou as actuacións básicas para rescatar bens de interese cultural.
Segundo explica a organización do certame, o 18 de marzo de 2015 foi referendado o marco para a redución do risco de desastres 2015-2030 no seo da terceira conferencia mundial de Nacións Unidas celebrada en Sendai (Xapón), que España subscribiu.
Este documento, coñecido como Marco de Sendai, é extraordinariamente relevante para a xestión do patrimonio cultural porque é a primeira vez que este se identifica como un dos elementos para protexer do risco de desastres.
Destácase, ademais, a necesidade de avaliar as perdas e o seu impacto sobre o patrimonio cultural, e exponse o investimento na súa protección como unha das claves para aumentar a resiliencia social.
Exemplos próximos como o terremoto de Lorca en 2011, o incendio de Nôtre Dame en 2019, ou a recente erupción volcánica na illa de La Palma reforzaron a percepción de que o patrimonio cultural se enfronta, con máis frecuencia da desexada, a situacións de emerxencias xa sexan estas provocadas por fenómenos de orixe natural (terremotos, inundacións ou furacáns) ou antrópico (guerras, terrorismo ou accidentes).
A estas débense engadir as situacións xeradas polo cambio climático e o despoboamento de zonas rurais co consecuente abandono do seu patrimonio cultural.
Ao longo das intervencións do encontro, en liña cunha mirada globalizadora, exporase cal é o estado da cuestión en relación coa xestión de riscos e emerxencias que poden afectar o patrimonio cultural e a que escenarios hai que enfrontarse.
Ademais, presentaranse algúns proxectos e solucións trazadas desde diferentes institucións que están a ser pioneiras na implementación dos seus plans de protección ante emerxencias.