Dous acusados negan que traficasen con cánnabis e heroína
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra celebrou este xoves un xuízo por un delito contra a saúde pública. No banco dos acusados sentaron un veciño de Vilanova de Arousa e outro do municipio asturiano de Morcín, que defenderon a súa inocencia fronte á acusación de tráfico de substancias estupefacientes.
O asturiano recoñeceu que comprou 144,5 gramos de heroína para consumir xunto a outro amigo, pero non para a venda a terceiras persoas. Explicou ao tribunal que "no era habitual" que el comprase tal cantidade de droga pero aquela era unha "oportunidad" xa que lle deixaban a droga "al mejor precio". Segundo detallou, comprouna a 45 euros o gramo cando habitualmente pagaba 60 euros por esa mesma cantidade "era muy tentadora la oferta", dixo. "Yo no iba a sacar ningún rendimiento económico de la droga", asegurou durante a vista oral.
Este home negou que o vendedor da droga fose o seu "colega", o outro acusado, e indicou que "el contacto lo tenía otro chico toxicómano como yo".
Os dous acusados coincidiron aquel día no aparcamento dun supermercado de Ribadeo pero ambos xustificaron aquel encontro nunha compra dun automóbil.
Segundo a Fiscalía, en decembro de 2018 os acusados conviñeron un encontro para a entrega dunha partida de droga, nun centro comercial de Ribadeo, a medio camiño para ambos. A mesma operación repetiuse en febreiro de 2019. Tras este outro encontro, ambos foron interceptados pola Policía Nacional e a Garda Civil, nas súas respectivas viaxes de regreso.
A Fiscalía sostén que o vilanovés se estaba dedicando á "provisión e comercialización de estupefacientes, tanto cánnabis como heroína, distribuíndo lucrativamente partidas destas substancias valéndose de vehículos especialmente adaptados".
Este arousán admitiu ser consumidor habitual de droga e, do mesmo xeito que o seu compañeiro, contou que tamén estivo en prisión por asuntos de drogas. Con todo este veciño de Vilanova de Arousa relatou ante a Sala que, aínda que cobraba unha pensión contributiva, mantiña dúas actividades económicas non declaradas a Facenda. Por unha banda transportaba mexillón ao Porto (Portugal) para un curmán seu que é bateeiro e ademais dedicábase á compravenda de automóbiles de traía de Alemaña e Holanda, onde reside parte da súa familia.
Este acusado levaba tempo baixo vixilancia das forzas da orde e tiña as comunicacións intervidas. O Ministerio Fiscal sostén que "nos seus contactos telefónicos empregaba unha linguaxe convida que trataba de ocultar a verdadeira natureza das súas actividades". Do mesmo xeito, "para dificultar posibles seguimentos policiais dos seus desprazamentos, variaba os vehículos que empregaba, servíndose dos que podía adquirir froito da súa ilícita dedicación".
"No era mía, desconozco como pudo acabar ahí", dixo un dos acusados sobre a droga
Nesas comunicacións intervidas rexistráronse conversacións con outras persoas condenadas por delitos de narcotráfico.
Cando foi detido viaxaba nun vehículo cunha caleta, un habitáculo habilitado para ocultar cousas, da que dixo descoñecer a súa existencia. Igualmente, no rexistro do seu domicilio en Vilanova de Arousa, os axentes incautáronlle 9.075 euros en efectivo, 45 macetas con plantas de marihuana, que asegurou que eran para autoconsumo, e dentro dunha estufa, nunha bolsa de farmacia, un paquete envolto en cinta adhesiva e xornal que contiña 245,6 gramos de heroína cunha pureza do 55,37% e un valor no mercado ilícito de 25.327 euros.
Sobre esta droga apuntou que "no era mía, desconozco como pudo acabar ahí" aventurando que podería pertencer a uns turistas que alugaron a casa dous meses antes, actividade esta que tampouco estaba declarada.
A Fiscalía reclamou seis anos de cárcere para este veciño de Vilanova de Arousa e, para o asturiano, cinco anos e medio.
Relacionadas:
-
Un vilanovés e un asturiano condenados por unha operación de compravenda de droga
Por Oskar Viéitez |
-
A detención de tres individuos permite desarticular diferentes puntos de venda de droga en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Fiscalía pide penas de prisión para un vilanovés e un asturiano acusados de traficar con cánnabis e heroína
Por Oskar Viéitez |