A CIG-Ensino esixe a restitución do dereito das docentes a facer a revisión xinecolóxica en Pontevedra
Por Redacción
A CIG-Ensino vén de denunciar publicamente a "negativa da empresa Cualtis a facer as revisións xinecolóxicas das profesoras en Pontevedra, informando da obriga de desprazarse a Vigo" e esixe "a intervención da Consellaría para que remate con este agravio e restitúa este dereito".
No total da provincia de Pontevedra hai algo máis de 8.000 mulleres traballando no ensino público (entre docentes e non docentes) polo que, esta central sindical estima que a restrición deste dereito podería afectar a algo menos de 4.000 mulleres aproximadamente.
Dende a CIG sinalan que "comezaron a recibir numerosas queixas de profesoras da zona norte da provincia ás que a empresa Cualtis negou a posibilidade de seguir facendo as súas revisións xinecolóxicas en Pontevedra e eran derivadas a Vigo".
Na provincia da Coruña se mantén este servizo nas tres cidades.
Por outra banda, dende a CIG alertan de que "estamos diante dun acto fraudulento, xa que ao mesmo tempo que Cualtis deriva a Vigo, mantén o servizo en Pontevedra baixo mínimos". Así, explican que "atende só a aquelas persoas que protestan para non seren derivadas a Vigo ou que saben que en Pontevedra o servizo segue activo, en contra da información que proporciona Cualtis".
Nese sentido, apuntan que "o que busca Cualtis é poder afirmar que non hai demanda en Pontevedra e así eliminar definitivamente a revisión xinecolóxica da cidade, o que é impresentable, xa que non variaron as condicións de contratación da Consellaría coa empresa e, polo tanto, este ano, coas mesmas condicións que o ano pasado, ofertan peor servizo ao derivaren ás mestras a Vigo".
Dende a CIG-Ensino esixen a intervención da Consellaría e lembran que esta central sindical gañou o dereito ao recoñecemento médico do persoal docente no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e no Tribunal Supremo e que na execución de sentenza o sindicato reclamou que a revisión se fixera no SERGAS, "co conseguinte aumento de persoal".
"A Consellaría desoíu esta demanda, optando pola privatización e as consecuencias estámolas vendo agora", din dende CIG-Ensino.