Un de cada tres casos de acoso escolar xa é a través das redes
Por Redacción
As autoridades están en alerta ante o "ascenso preocupante" que están a rexistrar o ciberacoso nos centros de ensino. O 29% destes casos de acoso escolar xa se producen a través das redes sociais ou dispositivos móbiles, segundo os datos do Ministerio de Educación.
Coincidindo co Día Internacional contra a Violencia e o Acoso na Escola, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, advertiu que este fenómeno medrou coa pandemia de covid-19, debido a que as relacións sociais se trasladaron a escenarios dixitais.
De aí que apelara a que os adolescentes poidan desenvolver unha "capacidade crítica" fronte ás situacións de acoso que se rexistren na súa contorna, "non só nas aulas e nos patios, senón tamén en internet e nas redes sociais".
As principais plataforma onde se produce este ciberacoso son WhatsApp e Instagram.
O acoso escolar, subliñou Larriba, "é unha forma terrible de violencia entre iguais" da que calquera pode ser vítima, polo que pide aos escolares que "non sexan pasivos" ante episodios así, porque "a neutralidade pode ter moi graves consecuencias".
Este debe ser un problema "prioritario", segundo a subdelegada do Goberno, porque "chega a afectar ao 44% dos estudantes de entre 7 e 14 anos".
O Goberno, a través do Plan Director que coordina a Garda Civil, está a poñer en marcha actuacións fronte o acoso escolar e a favor da convivencia, como a curtametraxe sobre o acoso escolar gravado no CPI O Toural de Vilaboa.
Ademais, axentes da Garda Civil imparten charlas ao alumnado ofrecendo exemplos claros, directos e moi prácticos sobre situacións de acoso escolar e ciberacoso en redes sociais.
Durante o último ano celebráronse en Pontevedra 476 cursos sobre o uso das novas tecnoloxías, 166 sobre acoso, 104 sobre violencia de xénero, 90 de drogas e 21 sobre bandas xuvenís dentro do marco deste plan de actuación.
Relacionadas:
-
Formación sobre o uso seguro das novas tecnoloxías, principal demanda dos centros educativos para previr a delincuencia
Por Redacción |
-
A Seguridade Social solicitará por SMS o correo electrónico á veciñanza de Pontevedra como nova forma de contacto
Por Redacción |
-
RADIO.- O xornalista Lois Oreiro apela con 'Os mundos de agora' ao ser e estar en persoa
Por Marisa Ciordia |
-
Alumnado do Toural de Vilaboa protagoniza un vídeo sobre acoso que chegará a colexios de toda España
Por María José Pita |