A Deputación mellorará a sinalización nas interseccións das estradas provinciais co Camiño de Santiago
Por Redacción
Os Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia serán reforzados coa mellora da sinalización vertical das súas interseccións coas estradas provinciais.
A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o proxecto que fará posible sinalizar un total de 68 puntos pertencentes ao Camiño Portugués, Camiño Portugués da Costa, Camiño de Inverno e á Vía da Prata, cuxo orzamento ascende a 37.248 euros.
A actuación supón un paso adiante cara á seguridade peonil en tramos que abranguen un importante fluxo de tránsito de peregrinos, "ao tempo que fai patente o máximo respecto do ente provincial co territorio e patrimonio e o seu compromiso co Camiño de Santiago", sinalan dende o goberno provincial.
As obras, que contan cun prazo de execución de tres meses, consistirán no subministro e colocación de 68 sinais dobres, que contarán cun sinal de perigo triangular por presenza de peóns e cun sinal de aviso de intersección co Camiño de Santiago rectangular.
Situaranse a 100 metros da intersección en ambos sentidos e, no caso de que o Camiño discorra paralelo á estrada provincial, 100 metros antes do comezo da superposición dos percorridos en ambos sentidos.