Vilagarcía propón ao Sergas que se use a Comandancia como centro de vacinación ante a ocupación de Fexdega
Por Oskar Viéitez
O Concello de Vilagarcía vén de propoñer ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que utilice o edificio da Comandancia da Mariña como centro de vacinación masiva. O goberno local ofrece esta alternativa ante a imposibilidade de volver a ceder Fexdega ao ter adquiridos compromisos con empresas de diversos sectores para organizar eventos no recinto feiral durante os próximos meses.
O executivo que preside o alcalde Alberto Varela confía en que a liña de entendemento aberta entre o Concello, a Autoridade Portuaria e o Sergas para a construción do novo centro de saúde serva tamén para salvar este inconveniente e garantir a posta en marcha do punto de referencia de vacinación da terceira dose para os veciños da área sanitaria.
A solicitude do Sergas para volver a dispor de Fexdega para esta nova campaña de vacinación chegou hai uns días, cando o Concello xa tiña pechado o calendario de actividade para Fexdega para os vindeiros meses e compromisos con varias firmas que, despois de moitos meses sen actividade deste tipo, apresuráronse a proxectar eventos tan pronto como a Xunta levantou o estado de alerta sanitaria. Tras as probas da oposición que se celebran este venres nas instalacións, e cuxo desmontaxe comezará o luns, o recinto da Maroma porase mans á obra para acoller a celebración da feira Motor Okasión a vindeira fin de semana. A desmontaxe desta prolongarase aínda uns días máis e, a continuación, comezarán os preparativos para os eventos que se desenvolverán no pavillón e recinto feiral durante a tempada de Nadal e que se estenden ata principios de xaneiro.
Como xa se lle explicou ao xerente da área sanitaria no momento no que volveu a demandar as instalacións de Fexdega, os compromisos con terceiros xa estaban pechados e, aínda sendo conscientes da importancia que ten completar as pautas da vacinación, tamén o é poder ir recuperando a actividade das empresas e dinamizar a economía despois de tantos meses de perdas.
O goberno local púxose a buscar outras alternativas viables, mantendo a boa disposición e a máxima colaboración amosada dende o primeiro momento, non só cedendo o pavillón durante meses, se non tamén facilitando medios materiais e persoais como o persoal de Fexdega e do servizo Municipal de Emerxencias.
Dada a ausencia de instalacións municipais que reúnan as características precisas para albergar o punto de vacinación –en canto a superficie, accesos, proximidade de aparcamentos e transporte público…- pensouse no edificio da Comandancia que o Concello adquirirá á Autoridade Portuaria para construír na parcela, precisamente, unha instalación sanitaria: o novo centro de saúde de Vilagarcía.
O acordo acadado entre o Concello, o Porto e a Consellería de Sanidade para materializar este proxecto pode tamén facilitar a procura da solución para o centro de vacinación. Aínda que a compra por parte do Concello aínda non se executou debido ao procedemento administrativo que conleva, o compromiso de acordo entre as tres administracións asinouse publicamente e a Autoridade Portuaria xa ten iniciado os trámites coa correspondente aprobación por parte do seu Consello de Administración.
A alternativa da Comandancia trasladouse tanto á xerencia da área sanitaria como á Autoridade Portuaria. O luns, técnicos da Consellería teñen previsto visitar as instalacións para avaliar as posibilidades de habilitalas como centro de vacinación.
Relacionadas:
-
Fexdega volve ser o centro de vacinación para a poboación arousá a partir deste sábado
Por Redacción |
-
Vilagarcía xa ten novo punto de vacinación masiva: a antiga Comandancia de Marina
Por Redacción |
-
Técnicos municipais e do Sergas buscan "por terra, mar e aire" un espazo axeitado para a vacinación masiva
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
Pontevedra busca espazos alternativos ao Recinto Feiral para o 'vacunódromo'
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pide a Lores que recapacite sobre a cesión do recinto para a vacinación e lembra que a pandemia non rematou
Por Redacción |
-
Lores remite ao Sergas a vacinar nos centros de saúde porque o Recinto Feiral vai ocuparse con outras actividades
Por Redacción |
-
Sanidade reabrirá os centros de vacinación masivos a mediados de mes
Por Oskar Viéitez |