O Goberno ofrece 310.000 euros a Pontevedra para dixitalizar a cidade
Por Redacción
Ata o próximo 15 de decembro está aberto o prazo das axudas para a transformación dixital e a modernización das sete grandes cidades galegas, entre elas Pontevedra, un programa impulsado polos ministerios de Política Territorial e Asuntos Económicos.
Estas axudas, que se outorgan en función da poboación, reservan uns 310.000 euros para a cidade de Pontevedra, segundo informou a Delegación do Goberno en Galicia, comunidade que recibirá en total 3,6 millóns de euros.
Estes fondos, que chegarán a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, son unha "boa oportunidade", destacou José Miñones, para que as cidades galegas "melloren e modernice a súa organización".
Poderanse financiar iniciativas para a incorporación de tecnoloxías da información, a dixitalización dos procedementos administrativos e a adaptación da xestión municipal a medios dixitais, segundo consta na convocatoria destas subvencións.
Entre as prioridades destas axudas figuran fomentar unha maior accesibilidade de cidadáns e empresas a servizos públicos dixitais, reducir a fenda dixital, mellorar a eficiencia e eficacia dos empregados públicos ou utilizar tecnoloxías emerxentes para novos servizos.
Para garantir a máxima eficiencia na aplicación dos fondos e lograr coas actuacións o maior impacto para a cidadanía, as cidades deberán priorizar a posta en marcha dun centro de operacións de ciberseguridade, que será de execución obrigatoria.
Ademais, deberán desenvolver aplicacións móbiles para atender os servizos máis utilizados polos cidadáns, poñer en marcha proxectos para automatizar a prestación de servizos ou suprimir as barreiras transfronteirizas para cidadáns e empresas europeas.