A segunda parcela de estacionamento do Pavillón pechará este luns para a súa reparación
Por Redacción
A reforma do estacionamento fronte ao Pavillón Municipal dos Deportes está chegando á súa fin. A segunda das parcelas pechará este luns para someterse á reparación do firme.
Esta actuación xa se completou na primeira das parcelas, que abriu o pasado luns unha vez reparadas as fochancas cun tratamento brando, tal e como esixe Costas, propietaria dos terreos.
Agora chega a quenda da segunda, na que realizarán a limpeza e roza da maleza que poida haber, o rasanteo do firme e a compactación do terreo. Logo deberá permanecer sen usar entre 10 e 15 días, como se fixo no estacionamento veciño ou no de Mollavao, ambos xa operativos.
Neste senso, o Concello é "consciente da mala situación na que quedan estas parcelas co paso dos meses e as chuvias do inverno", pero alega que os terreos son propiedade de Costas "e soamente autoriza unha actuación branda, é dicir, sen asfalto, formigón ou canalización de augas pluviais que permitiría que a renovación durase máis".
A reforma destas dúas parcelas corre a cargo da empresa COVSA e ten un custe de 47.626,06 euros.