Técnicos municipais e do Sergas buscan "por terra, mar e aire" un espazo axeitado para a vacinación masiva
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
Anabel Gulías, portavoz do goberno local, asegurou este luns que o Concello en colaboración coa administración sanitaria e coa Xunta de Galicia está a buscar alternativas ao Recinto Feiral de Pontevedra para que acollan a "etapa provisional" da nova fase de aplicación da vacina anti-covid para tramos concretos de idade.
Segundo indicaba a representante municipal o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e José Ramón Gómez, xerente da área sanitaria, manteñen contacto diario para estudar as diferentes opcións. "Temos abertos moitísimos emprezamentos", aseguraba Gulías, "estamos a buscar por terra, mar e aire", repetiu ata en tres ocasións.
Engadiu que tanto persoal dos equipos informáticos municipais como da Xunta de Galicia tamén está en contacto para resolver problemas relacionados coas telecomunicacións que poidan xurdir nos diferentes emprazamentos que se estudan e manifestou que, se é preciso, o Concello realizará esforzos para potenciar a rede informática no espazo que sexa escollido.
Expuxo, ademais, que durante os últimos días, os técnicos están a visitar eses espazos tanto de titularidade pública como privada para estudar a súa idoneidade para acoller esta nova fase de vacinación, unha vez que se descartou o Recinto Feiral por estar previstas outras actividades durante os próximos meses. Esta mesma situación rexístrase en Vilagarcía de Arousa, onde xa non se pode empregar o recinto de Fexdega.
A concelleira evitou explicar que lugares concretos están a estudarse para afirmar que "non descartamos nada" e que non traballan cun prazo que urxa para seleccionar un espazo.
Relacionadas:
-
Sanidade habilita a sede da Xunta en Campolongo como centro de vacinación masiva
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Vilagarcía propón ao Sergas que se use a Comandancia como centro de vacinación ante a ocupación de Fexdega
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra busca espazos alternativos ao Recinto Feiral para o 'vacunódromo'
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pide a Lores que recapacite sobre a cesión do recinto para a vacinación e lembra que a pandemia non rematou
Por Redacción |
-
Lores remite ao Sergas a vacinar nos centros de saúde porque o Recinto Feiral vai ocuparse con outras actividades
Por Redacción |