Abren unha consulta pública na web municipal de Poio sobre o regulamento de participación cidadá
Por Redacción
Xa está a disposición da cidadanía de Poio a posibilidade de realizar as achegas e suxestións que sirvan para enriquecer a elaboración do Regulamento de Participación Cidadá.
A concelleira de Participación Veciñal, Transparencia e Espazos Cidadáns, Silvia Díaz (Avante Poio), informou que este procedemento de aprobación foi iniciado polo Concello a finais do pasado mes de outubro.
Este documento ten como obxectivo a constitución dun órgano que sexa unha canle directa entre o tecido social e o Consistorio, o que servirá para promover a participación cidadá nos asuntos e iniciativas municipais, no que se refire ao desenvolvemento de proxectos, obras ou actividades de interese público.
Deste xeito, as persoas interesadas en facer as súas achegas dispoñen da opción de realizar as súas propostas a través da web municipal do Concello de Poio.
Esta consulta pública ten como obxecto facer da Administración local un organismo “máis participativo e transparente”, tal e como apunta a concelleira do Goberno local, que lembra que as achegas se poderán realizar ata mediados de novembro. Paralelamente, os grupos da Corporación continúan a traballar na elaboración da normativa, a partir dun borrador de traballo.
O documento inicial definirá o Consello de Participación Veciñal como o órgano que permite a participación na actividade do Concello, representativo dos intereses veciñais de todas as parroquias. Esta sería a ferramenta para trasladar, por parte da cidadanía, propostas e peticións relacionadas co desenvolvemento de actividades, actuacións, servizos ou investimentos.
Pola súa banda, a Asemblea de Participación Veciñal impulsarase como a entidade para a coordinación de iniciativas que afectan a toda a cidadanía. Será unha canle efectiva para o traslado de iniciativas de todo tipo.
Neste documento inicial proponse que ambos órganos se convoquen ordinariamente durante o ano, a maiores de posibles convocatorias extraordinarias, e estarán integrados por membros da Corporación e representantes das entidades asociativas que figuren no Rexistro de Asociacións.
Relacionadas:
-
O Consello de Participación Veciñal de Poio constituirase o martes 22 de novembro
Por Redacción |
-
A veciñanza de Poio xa pode facer alegacións ao Regulamento de Participación Cidadá
Por Redacción |
-
Presentan unha web para dar unha "resposta integral" á participación cidadá en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Poio inicia o procedemento para crear unha asemblea de participación cidadá
Por Redacción |
-
O Concello de Poio desenvolve unha ordenanza de convivencia cidadá
Por Redacción |