Bueu recupera os obradoiros de memoria para persoas maiores
Por Redacción
Tras un ano de ausencia pola covid-19, Bueu recuperará os seus obradoiros de memoria para maiores, un proxecto que se insire no marco do fomento das políticas sociais activas.
O prazo de inscrición estará aberto do 10 ao 24 de novembro e as persoas interesadas deberán entregar a solicitude no rexistro xeral do Concello ou a través da sede electrónica.
Nesta edición, cuxo inicio está previsto para o 1 de decembro, programaranse catro grupos, que se dividirán entre o Centro Social do Mar de Bueu e a Casa do Pobo de Beluso.
A iniciativa ten como obxectivos o fomento do envellecemento activo, o aumento na calidade de vida, o coñecemento de novas actividades de ocio e tempo libre e a mellora nas relacións sociais, explica Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade.
"Estes obradoiros son agora máis necesarios que nunca, sobre todo porque tras a pandemia se agravou o illamento social e o deterioro da saúde mental das persoas", engade a edil.
Os talleres serán impartidos, como é habitual, polo Centro de Día Pescadoira e o Centro de Día Contigo, ambos de Bueu.
A través deles, as persoas participantes seguirán as propostas de estimulación cognitiva, que buscan intervir nas funcións intelectuais que se poden ver afectadas nas persoas maiores.
Así, realizaranse tarefas de debuxo, de construción de modelos, de xestos e mímica, de praxias cognoscitivas, actividades con música, exercicios sensoriais, e outros de relaxación e respiración. Todas elas ofrecen unha perspectiva integral para lograr un envellecemento activo.
Relacionadas:
-
Organizan este sábado en Bueu a primeira xornada para persoas maiores
Por Redacción |
-
Haberá novos talleres de memoria para maiores de 60 anos a partir de febreiro
Por Redacción |
-
Catro días de actividades "sostibles" para festexar en Bueu o San Martiño
Por Redacción |
-
O Concello de Bueu mantén o taller de memoria para maiores desde as súas casas
Por Redacción |