Cuntis elimina a depuradora da Louriña e conectará Cardecide coa EDAR de Meira
Por Redacción
As augas residuais do lugar de Cardecide, en Cuntis, cambiarán de destino. O Concello decidiu eliminar a depuradora de foso que había na Louriña e, a partir de agora, pasarán a conectarse directamente coa EDAR de Meira.
Con esta acción, o goberno municipal pretende mellorar a súa rede de saneamento.
A solución adoptada consistirá na execución dunha rede de tubaxes en PVC SN8 de diámetro 315 mm milímetros. Trátase dunha rede lineal, sen máis ramificacións que as conexións ás vivendas ás que presta servizo.
Finalmente a canalización de saneamento conducirá as augas residuais a un colector existente, que evacuará as augas directamente na EDAR de Meira.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, apunta que o Concello conta con máis do 70% do seu territorio saneado e que hoxe en día está a facer obras de mellora neste aspecto.
Lembrou que "é fundamental a dotación dun servizo público que cumpra coas esixencias establecidas en canto á evacuación de augas residuais xeradas nas vivendas".
A pesar deste investimento por parte da Xunta de Galicia, Campos mostrouse crítico posto que a administración cobra a toda a veciñanza o canon de saneamento e "sen embargo é o primeiro investimento por parte de Augas de Galicia" no municipio.