Estudantes de Polonia, Alemaña e Francia visitan a cidade por primeira vez desde o inicio da pandemia
Por Redacción
Un grupo de cincuenta estudantes procedentes de Alemaña, Polonia e Francia, ademais dalgúns galegos percorrían este martes as rúas de Pontevedra e mantiñan un encontro co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores no Teatro Principal.
Trátase dun grupo que forma parte do proxecto FOCUS, dentro da iniciativa Erasmus+, con base no Colexio Compañía de María, de Santiago de Compostela. Esta visita marcouse no calendario en marzo do ano 2020 pero a irrupción da pandemia obrigou a trasladala a este novembro de 2021. Desta forma, trátase da primeira visita deste tipo que se recibe na cidade desde o inicio das restricións derivadas da situación sanitaria.
Estes estudantes realizan un traballo de análise das cidades e do seu futuro desde perspectivas que pasan pola ecoloxía, deseño, democracia, participación, historia e outros elementos similares.
O alumnado estivo acompañado polo alcalde durante o percorrido que realizaron por diferentes puntos do centro urbano e, a continuación, asistiron a unha visita teatralizada.