Rescate 'de altura' para un guacamaio extraviado
Por Alejandro Espiño
Ata os trinta metros de altura tiveron que subir os rescatadores dun guacamaio que se extraviou en Domaio (Moaña). O seu dono non atopaba a ninguén especializado para acceder ata onde está o animal e recorreu a unha empresa de Pontevedra.
Operarios de Arboricultura Galia, expertos en poda de árbores en altura, recibiron a chamada do desesperado dono, un coñecido bateeiro da zona, e atopáronse cun arriscado rescate, xa que o paxaro estaba a unha altura considerable e con difícil acceso.
O animal, un guacamaio azul-amarelo, cuxo nome científico é Ara ararauna, atopábase a 30 metros de altura nunha rama dun eucalipto desprendida sobre un noiro en metade do monte, preto do domicilio do seu propietario.
O guacamaio estaba atado cunha cadea á pata e á súa vez a unha rama, sendo imposible que se soltase doutra maneira.
Cos equipos necesarios, dous especialistas da compañía pontevedresa tardaron tres horas en poder rescatar ao paxaro, que ten unha envergadura de á de 1,20 metros, e que faltaba da súa casa desde que o pasado domingo se escapara.