Volven as clases de Educación Física ao ximnasio reparado do colexio de Portonovo
Por Redacción
O alumnado do colexio de Portonovo xa reciben as clases de Educación Física no interior do pavillón do centro. Estes días finalizaban as obras de renovación da cuberta e levábase a cabo unha profunda limpeza das instalacións, segundo informan desde o Concello de Sanxenxo.
As obras contan cun orzamento de preto dun millón de euros e están financiadas pola Consellería de Educación. Faltan pequenas melloras para terminar toda a intervención. Telmo Martín, alcalde do municipio, acudía ata o centro acompañado polas concelleiras de Planificación Territorial, María Deza, e de Educación, Paz Lago; ademais do director do colexio José Currás e o responsable da empresa adxudicataria da obra.
As obras obrigaron a cubrir con valos tanto a contorna do ximnasio como o do patio cuberto durante varias semanas por motivos de seguridade. Ao longo do próximos día está previsto que se inicie a retirada do material de obra do patio mentres se acometen melloras de acondicionamento exterior e nos accesos ao centro.
Segundo o goberno local, esta obra permitirá reducir nun 30% o consumo enerxético no gasto corrente. As obras permitiron cambiar as cubertas dos edificios con novas estruturas de panel tipo sándwich, renováronse caleiros e baixantes, ademais era renovada a carpintería exterior do centro educativo, colocando unha nova con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, incluíndo as persianas e as súas caixas. Tamén se instalaron luces tipo LED, con equipos que detectan o movemento para mellorar a eficiencia no consumo.
Por último, puíuse o solo de terrazo, pintáronse paramentos e colocouse un falso teito de la de roca con panel acústico no edificio de Infantil, despachos, almacéns e no propio pavillón deportivo.